A Fox fará outra Fuga de New York

0
258

Ainda que o rumor leva percorrendo Hollywood xa anos, o remake de Escape from New York nunca chegara a ser considerado seriamente por ningún estudo, alomenos até agora. A 20th Century Fox ven de se facer cos dereitos para levar ao cinema unha nova versión deste clásico da ciéncia-ficción que dirixiu John Carpenter en 1981.

Kurt Russell protagonizou o filme orixinal no papel de Snake Plissken, un criminoso encarregado de rescatar ao Presidente dos Estados Unidos após de que o seu avión tivese que facer unha aterraxe forzosa en Manhattan, coa cidade amurallada e convertida en prisión federal de máxima seguridade após de que os seus habitantes a tomasen pola forza. Coma engadido ás dificultades, Snake tiña só un día para completar a súa misión, ou do contrário morrería por mor dun veleno inxectado no seu corpo.

John Carpenter regresará ao proxecto, pero desta volta só coma produtor executivo, e contribuirá ao mesmo con ideias que a Fox quere que axuden a redeseñar unha nova franquía que protagonizará o novo Snake.

Polo de agora non hai director nin reparto confirmados. Andrew Rona e mais Alex Heineman serán os produtores.