A Warner Bros. Pictures ven de desbotar os seus plans para facer unha versión con actores reais dos clásicos debuxos animados dos anos 60 da Hanna-Barbera The Jetsons (“Os Supersónicos” na súa versión en español). No seu lugar, os estudos planean agora converter a série de televisión nunha longametraxe de debuxos animados.
Matt Lieberman, que tamén está a traballar nunha nova película de debuxos de Scooby-Doo para a Warner, será o responsábel do guión. Lieberman conta con moitos outros proxectos en diferentes graos de desenvolvemento noutros estudos.
A Warners tentou sacar adiante o seu proxecto con actores reais até o ano 2012, cando se anunciou que Donald De Line e Denise Di Novi serían os produtores. Polo de agora non se sabe se ambos continuarán neste novo proxecto.