É o Mestre das Artes Místicas e o Feiticeiro Supremo no Universo Marvel. Se un meigo tan poderoso semella algo pouco probábel no noso mundo actual, no que os cómics que rexeitan a fantasía son premiados unha e outra vez por institucións públicas que fachendean de estar preto da xente, que o Doutor Strange teña un filme de seu e cun grande orzamento sería unha tolería. Ou non?
O editor do persoaxe na Marvel, Joe Quesada, dixo que era problemático, pero os guionistas Neil Gaiman e Stan Lee din que é o seguinte ao que lles gustaría ver nunha longametraxe, nunha listaxe de super-heroes na que todo o mundo garda ringleira, segundo confesou o presidente de produción da Marvel Studios Kevin Feige.
“Eu diría que no ano ou ano e médio que ven, mentres preparamos a nosa axenda para 2012 e 2013, non me abraiaría ver ao Doutor Strange nesas listas. Gósta-me a ideia de explorar o universo máxico da Marvel, que é moi importante e ainda non tomou vida na pantalla“, dixo Feige. “Confiamos en que virá e virá axiña. Agora o que temos que facer é permitir que a xente que non está familiarizada con moitos persoaxes da Marvel que averigüen quen diaños é“.
Feige asegurou que non será un filme de série “B”, e bulrou-se dos que o ano pasado dicían que a Marvel estaba a preparar un filme sobre Iron Man cun orzamento baixo: “O Doutor Strange é un dos millores persoaxes que temos. Representa este abraiante universo cósmico da Marvel co que non xogamos ainda nos nosos filmes e coido que sería estupendo poder xogar con el“.