O señor Spock morreu. O lendário Leonard Nimoy, o actor que deu vida ao vulcanián de Star Trek, finou aos 83 anos de idade após de loitar en van contra unha enfermidade pulmonar obstructiva crónica que o tiña ingresado no hospital dende había tan só un par de días.
A viúva do actor, a tamén actriz Susan Bay Nimoy, confirmou a triste nova dende a súa casa en Bel-Air en Los Angeles.
Nado en 1931 fillo de xudeus ucraniáns fuxidos da Unión Soviética, comezou a actuar aos 8 anos e ingresou no exército dos Estados Unidos, de onde se retirou en 1955 co grao de sarxento.
Nimoy comezou a súa carreira na televisión nos anos 50 aparecendo en programas coma Dragnet e Sea Hunt antes de atopar o papel que o lanzaría á fama para sempre, o do comandante Spock na série orixinal de Star Trek, o persoaxe que maior impacto cultural tivo de toda unha série que por si mesma é unha icona non só da ciéncia-ficción senón de todo un estilo de vida.
Nimoy interpretou o papel durante tan só tres tempadas que durou o programa, pero despois sería convidado en Star Trek: The Next Generation, e apareceu en oito das doce entregas da saga de Star Trek no cinema, interpretando sempre a Spock. Pero ademais, participou asemade na tele e no teatro en incontábeis programas, incluíndo a saga orixinal de Mission: Impossible, protagonizando e narrando documentais e mesmo en videoxogos.
Ultimamente puidemos disfroitar da súa presenza na série de culto Fringe, onde deu vida ao doutor William Bell.
No seu derradeiro chío no Twitter Nimoy dixo: “A vida é coma un xardín. Os momentos perfectos poden existir, pero non ser preservados, agás nas lembranzas“.
Leonard Nimoy tivo, coma desexaba sempre o señor Spock, unha vida longa e próspera.