Presénta-se o derradeiro Bran

0
667

O vindeiro sábado 7 de Marzo ás 20:30 horas, Xosé Duncan, autor da triloxía de fantasía épica As Crónicas de Bran, fará a presentación do derradeiro volume da saga titulado O Solpor dos Deuses no local Passepartout Beerhouse d’A Coruña, sito no Paseo das Pontes 14.

O libro, que conta coas ilustracións de José Ángel Ares, narrará o remate das aventuras de Bran, que se atopa prisioneiro dun meigallo. Con este tomo chega o final dunha era, do tempo no que os deuses dominan Alba. Mentres os ríos ardentes caen desde os ceos, e a terra e o mar son devorados polas lumaradas, o espertar dos Cristais decidirá o destino da humanidade.

Neste volume fála-se da sorte que correu o Mestre Reloxeiro na súa Lúa Metálica e de que maldades está a argallar a súa mente atormentada. Asistiremos ao remate da estraña alianza formada polo Solla e por Bran e contemplaremos a decadente civilización rexida pola Sacerdotisa e o seu amante, o Dragón Vermello cada vez máis humano. Tampouco faltarán a esta cita os deuses que nos acompañaron desde o principio. Donn terá que enfrontarse á profecía que adiantaba a súa morte baixo as escuras ás dun paxaro de morte e Môrrigan non acaba de atoparse cómoda no seu papel de deusa da guerra.

Para saberdes mais ou para vos apuntares ao evento, hai aberta unha páxina no Facebook. Prometen música, pasteis e por suposto, cervexa.