O mundo é dende onte un lugar un pouco mais escuro e triste após de sabermos que Sir Terence David John Pratchett, mais coñecido coma Terry Pratchett, ven de finar aos 66 anos de idade, incapaz de superar a súa atrófia cortical posterior, unha enfermidade dexenerativa catalogada coma unha variante do mal de Alzheimer. Pratchett morreu en paz na súa casa, co seu gato facendo garda ao seu carón e rodeado da súa família mais próxima.
Escritor satírico e dotado dunha desbocada imaxinación, fíxo-se inmensamente popular en todo o mundo grazas á súa série de novelas do Mundo Disco, ambientadas nun máxico mundo chan situado a lomos de catro elefantes que á súa vez van a costas dunha tartaruga xigante que voa polo espazo, chamada a Grande A’Tuin.
Nado en 1948 en Buckinghamshire, fillo único de David e mais Eileen Pratchett, gañou unha praza na Escola Técnica de Wycombe, onde se afeccionou á Astronomía. Coma non posuía as dotes matemáticas necesárias para desenvolver a súa paixón, adicou-se en troques a escribir ciéncia-ficción e a asistir a convencións nos anos 60. Cando se decediu por fin a estudar xornalismo, era xa a Literatura a que puido mais.
A partir da novela The Colour of Magic en 1983, publicáron-se 40 libros da saga, que venderon mais de 85 millóns de exemplares en todo o mundo en 37 idiomas, facendo que Pratchett se convertera no escritor inglés mais vendido de todos os tempos, tan só por detrás de J.K. Rowling.
En decembro de 2007, Pratchett anunciou que sofría as primeiras fases do Alzheimer e fixo unha importante doazón para a investigación da enfermidade. Ademais, rodou un programa de televisión no que narrou as súas experiéncias para a BBC.
Pratchett completou a súa entrega final do Mundo Disco o pasado verán mentres seguía a loitar contra a súa enfermidade, o cal non evitou que a novela continuase chea do seu peculiar xeito e mais do seu humor até o derradeiro intre.
Nomeado Sir pola raíña de Inglaterra en 2009 polas súas brillantes contribucións ao servizo da Literatura, recebiu o prémio World Fantasy Award en 2010 en honra dos éxitos de toda unha vida.
Pratchett deixa esposa, Lyn, e unha filla, Rhianna, pero sobre todo deixa orfos a millóns de seguidores do xénero fantástico en todo o mundo. A súa obra, intelixente, brillante, chea de humor paródico e vitalista, foi adaptada á rádio, á televisión, ao rol, á música, aos videoxogos e mais ao teatro e por suposto non será xamais esquecida.