Steven Spielberg confirmou que será o director da adaptación ao cinema da novela de ciéncia-ficción de 2011 Ready Player One, orixinal de Ernest Cline, para a Warner Bros. Pictures e mais a Village Roadshow.
A história vai sobre un adolescentge chamado Wade Watts que se mergulla nun mundo de realidade virtual coñecido coma o Oase onde se lle permite aos usuários viviren o soño das súas vidas. Cando o creador do xogo morre de súpeto, Wade comezará unha complicada procura dun tesouro, na que o gañador tomará o control da empresa enteira.
O adolescente deberá enfrontar-se a entes corporativos que farán calquera cousa con tal de se apoderaren da compañía. Na obra hai moitas referéncias culturais aos anos 80 e agárda-se que aparezan tamén no filme, que conta cun guión de Zak Penn.
A finais de decembro do ano pasado os nomes de Christopher Nolan, Peter Jackson, Robert Zemeckis, Matthew Vaughn e Edgar Wright soaron coma posíbeis directores desta versión para a pantalla grande, que finalmente realizará Spielberg.
Donald De Line, Dan Farah e Kristie Macosko Krieger serán os produtores. Spielberg rematou hai uns días de filmar Bridge of Spies e axiña comezará co seu novo proxecto, a adaptación do conto de Roald Dahl The BFG.