Seica o Salón do Manga de Vigo, que tiña prevista a súa celebración do 26 ao 28 de decembro, non vai ter lugar, ou alomenos non nas datas que nun princípio se anunciaran.
A Asociación Xuvenil-Cultural Ippon, que segundo se informara nun primeiro intre, estaba atrás da organización, explica nun comunicado que teñen posto na súa páxina Web as razóns polas que se cancelou o acontecemento, afirmando que non teñen ren que ver co “suposto Salón do Manga de Vigo“, ainda que “certamente si houbo un contacto coa empresa responsábel“.
Segundo o comunicado, hai un mes e médio, a empresa que xestiona o proxecto púxo-se en contacto coa Asociación Ippon para que trasladara os seus Encontros dentro do marco de actividades de Xuvenália. Perante esta oportunidade, a xunta directiva da Asociación aprobou tomar parte no devandito proxecto.
O problema chegou cando a empresa comunicou que non contaba co apoio económico abondo para a actividade, que non contaban cos permisos da Autoridade Portuária e que non chegaran as subvencións, polo que a Asociación considerou lóxicamente imposíbel a realización do evento.
Dende Ippon prometen publicar en datas vindeiras máis información sobre o que acontecerá cos IX Encontros, e aos sócios se lles convocará a unha asemblea extraordinária que terá lugar antes de rematar o ano.