Galaxy Quest chega á televisión

0
330

A Paramount Television está a desenvolver unha série de televisión baseada no clásico filme de 1999 da Dreamworks Galaxy Quest.

A longametraxe orixinal ía sobre o reparto fictício dunha série de ciéncia-ficción tipo Star Trek que fora cancelada había xa moitos anos, pero que continúa a ter unha enorme base de fans, e que por accidente son enviados a bordo dunha auténtica nave espacial onde deberán loitar contra unha raza alieníxena. Tim Allen, Sigourney Weaver, Alan Rickman, Tony Shalhoub, Sam Rockwell, Daryl Mitchell e Enrico Colantoni foron os seus protagonistas.

O guionista do filme, Robert Gordon, será probábelmente o encargado de escribir os episódios da série de televisión, mentres que ademais será o produtor executivo xunto ao director Dean Parisot e aos produtores Mark Johnson e Melissa Bernstein.

Esta série será un novo intento por misturar a ciéncia-ficción coa comédia, unha combinación que deu froitos coma o da série inglesa dos 90 Red Dwarf ou a clásica Futurama en debuxos animados.