A Warner Bros. Pictures gañou unha durísima batalla polos dereitos para levar ao cinema o clásico libro de ciéncia-ficción The Forever War (A Guerra Eterna), escrito polo lendário autor Joe Haldeman en 1974. Seica nesta batalla a Warners gañou á Sony e mais a outra produtora cuxo nome non foi desvelado.
Channing Tatum será o protagonista deste proxecto, que vai sobre un home recrutado á forza polo Exército para un grupo militar durante unha guerra que os humáns están a loitar contra unha espécie alieníxena chamada os Tauráns. A través de moitas batallas, o soldado irá ascendendo no escalafón.
Nombergantes, viaxar polo espazo ten as súas consecuéncias sobre o tempo, que fai que mentres el vaia envellecendo a un ritmo normal, na Terra pasaran moitos séculos. O noso planeta pasa por moitas fases, incluíndo a fusión de todas as razas nunha soa, a eliminación da heterosexualidade ou a creazón dunha nova língua única.
Ao mesmo tempo, el tenta ficar conectado á súa namorada, unha compañeira soldado que tamén usa o espazo-tempo para deter o seu envellecemento e así poder estar canda el.
O guionista de Prometheus, Jon Spaihts, e mais o produtor Roy Lee, tamén enfrascados no remake de Cube anunciado hoxe mesmo, serán os encargados de produciren este filme xunto ao mesmo Tatum.
O cineasta Ridley Scott adquirira os dereitos en 2008 e estivera a facer plans para desenvolve-lo baixo a súa dirección contando con candidatos a guionista coma David Peoples, Matthew Michael Carnahan ou Dante Harper en diversas fases do proxecto, pero ao cabo, os dereitos caducaron e a Warners mercou-nos para facer un filme de seu.