Bóla de Dragón, fracaso antes de nacer

0
191

Bóla de Dragón

Após do dilúvio de críticas que lle choveron á adaptación cinematográfica de As bólas máxicas, o popular manga de Akira Toriyama, os directivos da 20th Century Fox ordearon ao director e guionista da fita James Wong que reúna de novo ao reparto e grave algunhas tomas extra.

A filmación destas escenas coñeceu-se por un anúncio publicado na revista Actors Access no que se peden actores que fagan de extras. Esta oferta de emprego vai dirixida a homes de entre 20 e 70 anos que falen de forma fluída o nepalés ou o tibetano e sinala que a filmación destas cenas comezará o próximo 30 de outubro.

A rodaxe de novas escenas poderia volver demorar a estrea desta fita que en princípio teria que chegar aos cinemas o pasado verán e que non o fará até abril do vindeiro ano.

Ademais, despois dos múltiples reproches que o primeiro avance do filme difundido pola Internet sementou, os produtores preparan un novo trailer para tentar enganchar aos milleiros de desencantados fans da saga. Pero como todo o que ten que ver con esta superprodución de orzamento vai devagar, o esperado novo trailer oficial da fita – que ía chegar xunto á estrea de Max Payne – non se exibirá nos cinemas até o próximo 12 de decembro.

A Fox reserva-llo para o amosar xunto a un dos seus pratos fortes para este nadal: o remake de Ultimato á Terra protagonizado por Keanu Reeves. É dubidoso que tanto esforzo de marketing e produción consega que o filme Bóla de Dragón non enlixe á obra de Akira Toriyama, como temen os fans de Songoku, e a salve do fracaso ao que semella abocada unha fita que conta con mais de 100 millóns de dólares de orzamento.