Comeza ArtFutura en Vigo

899

Dende mañán 23 de outubro e até o 16 de novembro terá lugar no MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o programa audiovisual da XIX edición de ArtFutura, o Festival de cultura e creatividade de referéncia en España, cun extenso programa que explora os proxectos e as ideias máis salientábeis xurdidas no último ano no panorama internacional dos new media, o deseño de interacción, os videoxogos e a animación dixital.

Neste 2008, a exposición Máquinas e almas, impulsada por ArtFutura e comisariada por Montxo Algora, presentou-se no Museo Nacional Reina Sofía de Madrid. A mostra, que presta o seu título para esta edición, presenta pezas esenciais da arte dixital da última década e afonda no feito de que, a comezos do século XXI, arte e ciencia discorren por camiños paralelos.

O programa audiovisual de ArtFutura 2008, compartido por todas as cidades que forman parte de CircuitoFutura, inclúe máis de oito horas de imaxes de alto impacto coas últimas achegas do campo da cultura dixital, os videoxogos e os efectos especiais. Entre os especiais, o documental Das Netz de Lutz Dammbeck, un especial sobre a escola francesa Supinfocom e unha retrospectiva de Satoshi Tamioka, recoñecido autor xaponés de animación dixital.

Os actos terán lugar os xoves e venres, de 20.00 a 21.30 e os sábados, de 18:00 a 21:00, e coma sempre, a entrada é libre e gratuita até completar o aforo. De seguido vos presentamos a programación oficial:

Programa da ArtFutura 2008
Programa da ArtFutura 2008

Ademais, o xoves 23 e mais o sábado 25 de outubro, o público terá ocasión de votar pola súa película favorita de entre todos os traballos que conforman os programas ArtFutura Show e 3D en España, respectivamente. Os traballos que consigan mais votos serán gañadores dos Premios ArtFutura 2008, convocados na edición de cada ano. Os resultados das votacións e nomes dos premiados publicaranse na web de ArtFutura.