R.I.P. Christopher Lee

1233

O lendário actor inglés Christopher Frank Carandini Lee, coñecido simplemente coma Christopher Lee, finou o domingo pasado aos 93 anos de idade nun hospital onde estaba a recebir tratamento polos seus problemas respiratórios e cardíacos nas últimas tres semanas. O axente de Lee confirmou que a súa família non desexa facer ningún comentário.

Alto (medía 1,96 metros), pálido, con faccións duras e angulosas e unha voz resoante, foi durante anos o candidato perfecto para interpretar ao vilán en numerosos filmes, algo que o frustrou moito, ainda que admitiu que disfrutou facendo eses papeis, que ofrecían normalmente mais posibilidades de interpretación cós herois normais.

Lee fíxo-se famoso por interpretar ao supervilán Fu Manchu nos anos 60, a Lord Summerisle no filme orixinal The Wicker Man, ao conde Drácula nos filmes da Hammer dos anos 70, ao vilán Francisco Scaramanga no filme de James Bond The Man with the Golden Gun, ao meigo Saruman nas triloxías de The Lord of the Rings e The Hobbit e mais ao conde Dooku nas precuelas de Star Wars.

Pero eses non foron os seus únicos papeis no cinema, porque tamén foi Rasputin, o Dr. Jekyll e Mr. Hyde, o monstro de Frankenstein, a Múmia, Sherlock Holmes e mais o seu irmán Mycroft, así coma Sir Henry Baskerville nunha adaptación de The Hound of the Baskervilles.

Coñecido tamén polo seu talento coma cantante, gravou várias pezas musicais e de ópera  entre 1986 e 1998 e mais o álbum sinfónico metal Charlemagne: By the Sword and the Cross en 2010 após de colaborar con vários grupos de metal dende 2005. En 2013 apareceu publicado o álbum de heavy metal Charlemagne: The Omens of Death, polo que recebiu tamén un prémio.

Lee participou na Segunda Guerra Mundial coma membro dun grupo das Forzas Especiais e recebiu o título de Sir polos seus servizos ao teatro e mais as súas obras benéficas en 2009 de mans da raíña.