Realidade aumentada para O Frío Azul

2020

A Urco Editora publica no seu selo Alcaián a “edición definitiva” da premiada obra O frío azul de Ramón Caride Ogando, con moito material adicional do autor e mais unha capa de “Realidade Aumentada”

A novela acadou por unanimidade o Premio Lueiro Rey de Novela Curta en 2007. Catro anos máis tarde, en 2011, a súa versión castelá, publicada pola editorial Anaya, obtivo o Premio de literatura fantástica “El Templo de las Mil Portas”, na categoría de millor novela española independente. Agora chega ás librarías a edición definitiva en lingua galega, que conta cunha gran cantidade de material inédito e un coidado traballo de revisión e edición.

A principal novidade é que a cuberta do libro leva incrustada unha capa de “Realidade Aumentada”, un sistema tecnolóxico que, mediante un dispositivo móbil, combina a visión da contorna física con elementos dixitais.

En O frío azul, o visionado da cuberta a través da aplicación gratuíta Layar (para móbiles e tabletas), permite acceder ao booktrailer da obra e mais a unha serie de ligazóns á web da editora e ás redes sociais. O anovador é, nombergantes, que todos os elementos desta capa virtual están “ancorados” fisicamente ao libro, e móven-se en coordenadas tridimensionais.

O frío azul é un relato desacougante, que nos leva nos inicios do ano 1500 ao corazón de Ourense, onde se ergue impoñente e siandeiro o Mosteiro de Oseira. Até alí chega un viaxeiro desafiando a nevarada. Carrexa consigo unha misteriosa bagaxe, a fonda tristeza do seu espírito mancado e, sobre todo, a ansia por coñecer a calquera prezo a razón da insólita desventura que agocha. Aos poucos, paseniño, a monotonía tépeda da pedra e a rutina dos ritmos monacais irán minando a súa afouteza.