Muschietti, novo responsábel de It

Mália o éxito de Mama hai dous anos, o único proxecto no que volveu traballar Muschietti foi Shadow of the Colossus

1101

O director de Mama, o uruguaio Andy Muschietti, podería encargar-se da adaptación ao cinema en dúas partes do clásico de Stephen King It para a New Line.

O director da primeira tempada de True Detective, Cary Fukunaga, escribira o guión e estaba preparado para dirixir el mesmo, pero o proxecto ficou suspendido no pasado mes de maio por mor de diferenzas creativas e de orzamento.

Nombergantes, os produtores Dan Lin, Roy Lee, Seth Grahame-Smith e Jeffrey Katzenberg non quixeron abandoar a ideia e comezaron decontado a procura dun novo director.

A rodaxe ía escomezar en xuño pero nestes intres a data de comezo xa non está tan clara. Vai-se contratar un novo guionista para que se adapte á visión de Muschietti, e os plans continúan a ser facer dúas partes. Barbara Muschietti será posíbelmente a produtora.

A pregunta para os fans é se Will Poulter, a quen Fukunaga escollera persoalmente para o papel do pallaso Pennywise, continuará vencellado ao proxecto. O actor polo de agora non ten xa contacto co filme, pero podería regresar dependendo das datas de rodaxe.

Mália o grande éxito do seu filme Mama hai xa dous anos, o único proxecto no que volveu traballar Muschietti foi na adaptación ao cinema do videoxogo Shadow of the Colossus, que tampouco chegou a bó porto.