A caveira de Friedrich Wilhelm Murnau, director do lendário filme mudo de vampiros Nosferatu (1922), foi roubada da súa tumba en Alemaña. As autoridades escomezaron unha investigación para esclarecer o acontecido.
O administrador do cemitério en Stahnsdorf en Potsdam, Olaf Ihlefeldt, dixo que os ladróns de tumbas accederon á cripta familiar de Murnau, e que ainda que non é doado dicir exactamente cando aconteceron os feitos, probábelmente foi entre o 4 e mais o 12 de xullo.
A Policía abriu unha investigación e pediu aos posíbeis testemuñas que se viron algo sospeitoso no cemitério que llo fagan saber decontado. Polo de agora a investigación baséa-se en asegurar as probas.
Non está claro que é o que pretendían os ladróns nin se estaban a procurar algo específicamente. Nombergantes, o xornal sensacionalista alemán Bild informou que se descobriron restos de cera canda a tumba, o que fai posíbel especular con rituais de ocultismo. Murnau está enterrado entre dous dos seus irmáns, cuxas tumbas tamén foron abertas, pero sen que os seus restos foran profanados.
Após deste incidente, o cemitério anunciou que vai considerar a posibilidade de limitar o acceso á propriedade da família Murnau no futuro. Outra opción a considerar é enterrar os restos de Murnau noutra localización.
En todo caso, as novas chegan sospeitosamente preto das que ofrece a produtora inglesa Studio 8, que ven de dar a coñecer que queren facer un remake de Nosferatu, esta vez con Robert Eggers para escribir o guión e dirixir o conto baseado na novela de Drácula.
Eggers, gañador do prémio ao millor director no Festival de Sundace polo filme The Witch, afirmou que quere facer unha “adaptación visceral” do clásico, que producirán Jeff Robinov, Jay Van Hoy e mais Lars Knudsen.
Nosferatu está considerada coma unha das obras mestras do cinema de todos os tempos. O seu director finou nun accidente de tráfico en Santa Barbara, Califórnia, en 1931.