Os mundos lovecraftiáns de Jacques Sadoul

2011

(Este artigo foi publicado orixinalmente no número 2 de NOVA FANTASIA en 1997)

Jacques Sadoul é un dos “grandes” da ciéncia ficción francesa, e o feito de que sexa case un descoñecido en España, e por extensión na Galiza, é só unha proba máis da existéncia dun veo de iñoráncia que poderiamos calificar coma mútua se non fose porque tamén nós mesmos descoñecemos o que se fai en Galiza. De calquera xeito, e fieis ao noso esprito de sacar á luz aquilo que paga a pena descobrir, imos analisar en profundidade a millor obra deste autor, a Triloxía do Domínio de R., composta polos libros A Paixón segundo Satán, O xardín do Unicórnio, e mais As Terras Altas do Soño, nas que a crítica francesa quixo ver unha conexión cos mundos lovecraftiáns. Tamén é certo que entre os franceses, todo o que cheira a Fantástico e pertence ó século XX, cháma-se-lle automáticamente “ciéncia ficción”, polo que tildar a Sadoul de autor de CF sen máis é bastante arriscado dende a nosa perspectiva.

Escritos entre 1957 e 1960, inda que reescritos, publicados e difundidos a partir de 1978, a obra arrinca cunha xogada de xadrez, unha “partida cósmica”, o que lle confire certa áura de “hippismo onírico” dende un comezo, porque a verdade é que esa partida non ten absolutamente ren que ver co resto da triloxía, pero aí está e poñe-la pode sinificar todo ou nada. Podemos supoñer que é a representación da perda da primeira protagonista, ou a que tería sido a primeira protagonista, Josette Rueil, se ela non se suicidara mesmo antes de escomenzar a acción. Josette é unha rapaza da vila próxima ao domínio de R., situada na rexión de Agen, na Garonne (Franza), que ao ficar preñada anúncia a todos os que a queren escoitar que pensa que foi o demo o que a deixóu en tal estado. Como ninguén lle fai caso, ela remata quitándo-se a vida.

El Jardín del UnicornioO vello dono do domínio, Joachim Lodaus, un mago enfrascado nunha loita polo control do mundo dos soños, fica daquela sen o seu herdeiro, o que precisa para un esconxuro demasiado terríbel para ser relatado, no que precisaba rexenerar o seu corpo, e non ten outro remédio que permitir que Didier Chaptal, o noivo da rapaza, entre no mundo dos soños a ver se consigue rescatar a Josette. A partir deste intre comeza toda unha chea de aventuras de Didier, no primeiro tomo da triloxía, e de Sandra, nos dous seguintes, polos mundos que creara H.P. Lovecraft e que recrea e amplía dun xeito bastante europeo (ou sexa, metendo moito sexo) Jacques Sadoul. Como Didier non ten éxito, será Sandra, unha enfermeira contratada por Lodaus para coidar de Modesto, o rapaz sen intelixéncia que debería ser o seu herdéiro, quen viaxe polas Terras Baixas (formadas polos soños dos nenos) e polas Terras Altas (formadas polos soños dos adultos, e nos que pasa o día practicando sexo). A loita final terá lugar nun mundo onírico especialmente macabro, mentres que no castelo de Lodaus éste tenta tomar o control nunha batalla contra os demos aos que estivo a escravizar até agora.

O Universo de Sadoul é se cadra un pouco clásico de máis, no senso de que á parte de tér imitado a Lovecraft coa aparición das Terras do Soño, hai moitos elementos tamén moi clásicos do fantástico: os engadidos orientáis, na toponímia, nos nomes, nas tradicións, e incluindo os gatos sábios, aos que se poden identificar coma própios da mitoloxía lovecraftián, si, pero que son típicos dos contos asiáticos e europeos dende sempre. Inclúe recursos tan bastos coma o de lle poñer ao primeiro tomo un título que non ten absolutamente ren que ver co que hai dentro das páxinas, e que só serve para conducir a enganos, e inclúe fortes doses de esceas sexuais que se hoxe xa non podemos calificar coma “duras”, sen dúbida sí que o eran cando as escribíu por vez primeira en 1957. En todo isto, e noutras máis, Sadoul non é en absoluto orixinal.

Las Tierras Altas del SueñoPorén, ten grandes golpes de enxeño, misturando dun xeito excepcional o seu própio mundo co dos Soños, cousa que moi posiblemente calquera outro autor só podería facer caíndo no ridículo. O aillamento da casa de Lodaus alcanza unhas cotas moi altas na creación dun ambiente francamente terrorífico, e a aparición dos persoaxes, incluíndo o golpe de efecto de facer morrer á protagonista nada máis comezar é outro dos elementos abraiantes nesta obra. Sadoul é un especialista en temas astrolóxicos, coma amosou con libros coma O enigma do zodíaco, e iso fai-se notar tamén no fío do argumento meiante un procedemento que seguro gostará (e comprenderá) o lector iniciado.

En resumo, debemos lembrar que a obra de H.P. Lovecraft comezou a ser popular en Europa durante os anos sesenta, cando as súas ideias podían ser tomadas coma estractos dunha viaxe con LSD, e foron precisamente autores coma Jacques Sadoul os que contribuiron dun xeito moi positivo de espallar a figura senlleira e aureolada do mestre de Providence. E apoiándo-se nel, Sadoul acadóu ao mesmo tempo lanzar a súa própia obra, o que resultou ser por unha vez e sen que servise de precendente (véxa-se o artigo sobre HPL neste mesmo número de NOVA) unha boa maneira de facer Literatura, nunha espécie de simbiose proveitosa para ambos os dous autores.

Atopar a triloxía non é de todo doado, porque foi publicada hai xa uns cantos anos en español, pola editorial Teorema, dentro da súa moi interesante colección “Visión-Arcadia”. Os títulos son os seguintes:

– La Pasión según Satán (La Pasion selon Satan), 1978

– El Jardín del Unicornio (Le jardin de la licorne), 1983

– Las Tierras Altas del Sueño (Les Autes Terres du Rêve), 1983

Actualmente están descatalogados, polo que só é posibel atopa-los coma libros vellos, pero de todos os xeitos, a súa adquisición segue a ser un priviléxio, e a súa posesión, un tesouro incalculabel.