A espada de Joram

2146

(Este artigo foi publicado por primeira vez no número 2 de NOVA FANTASIA, en 1997)

Hai agora dez anos, en 1987, a “parella de ouro” da ficción heróica, formada por Margaret Weis e Tracy Hickman, autores da macrosaga da Dragonlance, decidían sorprender aos seus non poucos leitores coa publicación de Darksword (A espada de Joram). Inda hoxe, esta novela segue a ser para unha grande parte dos afeccionados á Fantasía heróica, especialmente aqueles un pouco cansos das histórias de elfos e ananos tantas veces repetidas nas moitas versións das Dragonlances, a millor obra que saíu da pluma dos dous escritores.

A história comeza cando no máxico reino de Thimhallan, na súa capital, Merilon, fundada polo mesmo Meigo Merlin, un neno nace sen máxia. A máxia en Merilon é a Vida, e a vida é a Máxia. Asemade, se un neno nace sen poderes máxicos, é coma se estivera morto, e así se lle considera. Este neno, Joram, é desbotado, desposuído da súa herdanza e arroxado fóra da cidade, onda fuxe canda súa nai para evitar que o maten. Alí, nun eido de campesiños, pode ir agochando as súas caréncias sen que o descobran, grazas aos seus trucos de prestidixitación, atá que se fai adulto.

Porén, nun determiñado intre, Joram xa non pode seguir finxindo, cando se ve obrigado a matar a outra persoa, un sicário que pretendía facer dano á súa nai. Fuxindo co seu amigo Mosiah, agócha-se no deserto, no País do Desterro, onde viven os antigos Tecnólogos, os practicantes das artes científicas, unha clase de máxia que foi proibida hai séculos. Estes acóllen-o con algunhas reservas, por canto xa teñen unha situación difícil de por si coma para por riba agochar a un proscrito. Pero é precisamente aí, no deserto, onde atopará a Saryon, un mago catalista, quen leva tras de sí unha preta sona de ser un “renegado”.

Os catalistas son os magos especialistas en outorgar Vida, ou sexa, transmitir a máxia. Precísa-se deles para que catalicen os poderes máxicos, para que unha vez saian do corpo dun meigo, se convirtan no que éste desexa. Ao mesmo tempo, os catalistas son a caste relixiosa de Merilon, e en concreto, Saryon foi enviado polo Patriarca Vanya onda Joram para espia-lo secretamente. Na aldea governa Blachloch, un Señor da Guerra, meigos guerreiros especialmente poderosos, e debido á súa tiranía, Joram decide forxar a Espada Negra, ou Espada Arcana, un obxecto mítico que seica pode quitar Vida en vez de da-la, ou sexa, que a máxia non lle afecta.

Darksword 2Para forxa-la, precisará a axuda de Saryon, quen finalmente lla dá, inda que logo pasa o resto do libro rezongando polo que fixo, e coa sua nova arma decide partir en busca da súa herdanza, ainda sen saber moi exactamente cál é. Joram só sabe que o seu pai era un nobre, a quen lle castigaron convertíndo-o en pedra, e que nestes intres hai alguén ocupando o seu lugar inxustamente. O camiño cara Merilon será todo o argumento do segundo tomo, no que coñeceremos máis a fondo aos persoaxes, en especial aos acompañantes de Joram, pero tamén ó mesmo Joram. Mosiah, o seu primeiro amigo, é un meigo inda non moi decidido a seguir adiante. Simkin, o enigmático vividor, embusteiro e sumamente excéntrico, Saryon, sempre atormentado polas súas dúbidas de fe, e a belísima Gwendolyn, a namorada de Joram, filla dunha família de nobres que non ve con bos ollos a súa relación.

E mentres, o mesmo Joram, un rapaz inexperto e dominado só polo seu anceio de vinganza, que pouco a pouco irá convertindo en anceio de xustiza. Na outra beira está o Patriarca, sempre confabulando para evitar que unha profecía da que pouco sabemos ao princípio chegue a ser certa. Esa profecía augura a fin de Merilon, pero para o malvado Vanya o seu própio fin tamén é o fin de Merilon.

Cando Joram chega a Merilon descobrirá a súa verdadeira orixe: el é o fillo da Emperatriz, o lexítimo herdeiro do trono de Thimhallan. Pero se chega ocupa-lo trono, a profecía dí que o Reino será destruído. Coa soa axuda da súa espada, Joram deberá agora facer fronte á guerra desatada co veciño país de Sharakam, mentres que loita por se impoñer ó Patriarca e á súa caste de guerreiros, mentres que acontecementos moi extraños comezan a se desenvolver na fronteira co Alén: no lugar onde as estátuas de pedra (a xente castigada desta maneira) miran cara o mar, unha misteriosa porta ábrese e xentes vidas do outro mundo, da Terra, comezan a chegar.

Inda que Joram consegue ser nomeado Emperador, destroíndo toda oposición, xa é tarde de máis. O mundo de Thimhallam foi fundado por Merlin coma un lugar dentro da Terra pero afastado dela, e unha vez Joram ocupa o trono, a Vida desaparece, a Máxia tamén, e as barreiras entre a Terra e Thimhallam morren. Coa axuda de Menju, un mago renegado, os habitantes da Terra conquistan doadamente o novo território, e o Reino de Merilon desaparece para sempre.

Darksword 3O relato é unha obra moi ampla, non só polo seu tamaño, dividido en tres tomos de máis de 500 páxinas cadanseu, senón porque é especialmente densa, sen chegar ser nunca difícil de ler. A parella Weis-Hickman é especialista en manter ao leitor pegado ás páxinas, sempre interesado polo que acontece cos persoaxes, e percurando que éstes non sexan só uns monicreques que se movan polo libro só “facendo cousas”, senón ademáis tendo a súa vida e tentando amosar-nos cál é e cómo é, dende o seu mesmo punto de vista se é posible. Agás con Simkin, demasiado enigmático, simpático ás veces, cargante noutras, detestable o resto, sempre poderemos coñecer as verdadeiras motivacións dos persoaxes principais, de tal xeito que nunca nos van parecer estraños os seus comportamentos, e no derradeiro intre, poida que non saibamos de qué beira está a xustiza, onde fica a verdadeira moralidade e quén ten a razón no conflito que se creará. Por iso precisamente é polo que o final é tan rachador, patético porque comprenderemos que mesmo sen haber outra posibilidade para que sexan solucionadas as cousas, non é esa a fin que todos gostariamos ver. Non imos ter o final de conto de fadas que un autor coma David Eddings pode ofrecernos tan satisfactóriamente, senón que por riba, en troques teremos as piores posibilidades confirmadas, vendo cómo é imposible fuxir do destiño ainda que os protagonistas afróntan-o do millor e case do único xeito posibel.

A espada de Joram é sobre todo unha história na que contan as persoas, manexadas polo destino, pero que por riba del, son quen de afronta-lo e se cadra supera-lo, inda que non poidan evitar as consecuéncias. A história é de amizade, de amor e de ódio, é unha história entre seres humáns nun mundo de máxia. Refrescante por canto os seres máxicos son considerados coma o que son para nós, seres estraños, porque poderémo-los ver dende o prisma de Joram, e ao tempo, seres cercanos porque para un leitor de Literatura Fantástica non deben existir fronteiras ou prexuízos deste tipo.

Podedes atopar esta obra na edición en rústica de Timun Mas, que inda que non é a única disponible, sí é a única recomendable, polo seu prezo, case catro veces menos cós libros da edición orixinal. A edición existe só en español, e nin tan sequér a temos atopado en portugués. O nivel de inglés dos tomos orixinais é elevado de máis para o facer recomendabel, se ben ademáis conta có problema engadido da súa localización.