Zothique, o derradeiro continente

2057

Aquel que amara ás salvaxes rapazas de Zothique non volverá buscar un amor máis tenro, nin distinguirá o bico dunha amante do vampiro; o esprito escarlata de Lilith érgue-se para el, amoroso e maligno, da derradeira necrópole no tempo“.

— Clark Ashton Smith

Clark Ashton Smith (1893-1961) foi o máis lonxevo e o menos coñecido dos “tres mosqueteiros” da Weird Tales, o grupo de escritores composto por el mesmo, por Robert E. Howard e por H.P. Lovecraft e que deron o millor das súas produccións na mencionada revista, ó longo da idade dourada do pulp americano, entre 1928 e 1939.

Smith escribíu sobre todo fantasía, e dentro de moitos dos seus relatos adoitaba haber un denominador común: a referenza a Zothique, o derradeiro continente. Este derradeiro continente sería o que ficara cando ao planeta Terra lle quedasen só uns poucos séculos de vida, e o mundo estivera unha vez máis dominado pola máxia, o sol vai-se escurencendo, as ciéncias foron xa esquecidas polos habitantes do mundo, e é outra vez o tempo dos heróis, dos reis decadentes, dos meigos, dos demos e dos deuses.

A Fantasía de Smith é da que os americanos chaman “para adultos”, porque nela inclúen-se elementos non axeitados para menores: ideias demasiado decadentes e o recurso ao sexo, sobre todo. E sen dúbida que isto influíu negativamente na súa obra, non só porque as editoriais rexeitaran publicar este meterial, senón sobre todo porque Simith recebiu o apoio de críticos tan pouco recomendables coma o nefasto Sprague de Camp ou o mesmo Lin Carter, quen prologou o tomo que xuntou todos os relatos curtos que trataban sobre o tema de Zothique ou estaban ambientados neste mundo esquecido e moribundo.

Portada da edición americana
Portada da edición americana

O libro foi publicado por primeira vez en 1970, nove anos despóis da morte de Clark A. Smith, co consentemento da súa viúva e co apoio inestimable da editorial Arkham House, unha vez máis saíndo en apoio dos autores “malditos”, inda que coma sempre, xa demasiado tarde. A edición española é de 1990, e correspondéu-lle á editorial EDAF, cunha boa traducción de Inmaculada de Dios.

O orde dos relatos non é doado de seguir, por canto hai grandes contraccións entre o orde utilizado para pubricalos e o orde interno dos mesmos: os acontecementos e persoaxes que describe — moi raramente: Namihrra, Ummaos… — coma pertencentes a un tempo fixo ou que se repiten en dous ou máis contos, indican unha secuéncia temporal distinta non só á do orde seguido na súa publicación, senón tamén ó orde da súa mesma creación polo autor. De todos os xeitos, isto non ten excesiva importáncia para o leitor, e é só unha cuestión de análise para os curiosos, porque todos os relatos da série Zothique poden lerse sen problema algún coma independentes entre si. De feito, é bastante dubidoso que o mesmo Smith tenta-se crear unha orde determinada entre eles, e máis ben, coma todos os demáis membros do orixinal “Círculo de Lovecraft”, deixaron eses detalles de encadramento e cadriculación para os enxeñeiros da crítica literária, que habelos hainos: deste xeito hai que entender o patético pero inútil esforzo de Camp e Carter por rematar un mapa do continente, para que o lector poida situar xeográficamente as histórias, o que resulta non só absurdo senón de todo punto baldío, porque Smith nunca pensou en se facer mapiñas nin en situar nun punto concreto do espazo os seus relatos.

Mapa de Zothique, creado por Lin Carter
Mapa de Zothique, creado por Lin Carter

A linguaxe coa que escribe Smith está moi afastada dos gustos dos seus críticos, mesmo dos máis favorables, porque coma no caso de Lovecraft, é moi barroca, enchida de adxectivos, suxerente e poética, con moitas referéncias á antigüidade grega e clásica en xeral, todo elo misturado coa ambientación oriental e dunsaniana que de tanto impresionóu a todos os membros do Círculo de Lovecraft, inda que evidentemente máis a uns cá outros.

Dos 17 relatos que compoñen o libro, imos comezar destacando a Morthylla, un conto de vampiros no que a protagonista, a bela e letal Morthylla, debe sobrevivir chuchando o sangue dos incautos aventureiros que se achegan a ela e rematan inevitablemente namorados. Famurza, o poeta, invita ao xove Valzaín a se achegar atá o cemitério onde disque adoita aparecerse a lámia, e alí atopa a unha muller que afirma ser ela. O final é algo confuso, pero representativo do que son os demáis contos, que poden ás veces interpretar-se de vários xeitos e que normalmente non adoitan rematar moi ben, pero sempre cun senso poético digno de ser escrito por algún clásico.

En The Black Abbot of Puthuum (1936) o elemento central son as relacións carnais proibidas do primeiro abade, castigado pola súa deusa a non morrer e a ver polo tanto como a súa espantosa descendéncia ocupa o sagrado mosteiro. A curiosidade é un final no que após da morte do malvado demo, os herois sortéan-se á rapaza á que viñeran a rescatar, e esta finalmente se decide por ún dos dous sen respecta-lo sorteio. Non por isto se lle pode quitar o estigma do evidente machismo aos relatos de Clark Smith, moi influído polo Conan de Robert Howard. E coma curiosidade, froito da profunda iñoráncia coa que o mundo hispano trata co xénero fantástico, hai que lembrar que este relato aparece en moitos sítios da Rede recollido coma “conto infantil” recomendado para que os “contacontos” o lean aos nenos.

Os mundos de Zothique non son os máis habituais nas novelas de fantasía, nas que hai moi poucas ou ningunha diferéncia cunha transcripción dunha partida de rol, e poden situar-se máis ben en lugares pechados, palácios derrubados, ambientes escuros e lúgubres onde nin tan sequera os poucos seres humáns que viven afastados da máxia sálvan-se de morrer ou de nin sequera existir. Todo o mundo é culpable, segundo o lema de Clive Barker polo que os que xogan coa máxia merecen os males que lles acontezan. Pero… a quen lle importa? O mundo está a piques de morrer, queda pouco tempo atá que o sol consuma finalmente á Terra, e xa non hai espranza para o futuro. É neste ambiente no que se entende a antiga profecía de Zothique: “Ao final, o propio mundo será convertido nunha cifra redonda“.

* * *

Zothique
Clark Ashton Smith
(Prólogo, epílogo e mapa de Lin Carter)
Ed. EDAF
Col. Icaro Fantasía