Outra volta de rosca

2216

(Este artigo foi publicado por primeira vez no número 4 de NOVA FANTASIA, 1998)

Entramos no centeário do afortunado final da España imperial e do desgrazado comezo da España negra, cousa que ben aproveitan os nosos políticos para saír nas fotos, pero en 1998 hai outros centeários se cadra máis agochados e que dende o noso punto de vista, sempre tan particular, resultan moitísimo máis dignos de atención. Por exemplo, o desta novela, Outra volta de rosca.

Se fixeramos un hit parade dos escritores máis coñecidos polo grande público, seguro que Henry James non entraría nin nos “cuarenta principais”, polo que non pagaría a pena detér-se moito nel nin moito menos na súa suposta obra. Desgrazadamente para os leitores de NOVA, esta sección fai-na ún que non só coloca a James entre os cuarenta senón entre os dez primeiros da súa lista.

Henry James naceu un 15 de abril de 1843 en New York. Fillo do pensador e teólogo do mesmo nome e irmán do non menos famoso filósofo e psicólogo William James, pertencía a unha das famílias más acaudaladas e aristocráticas de América, grazas á que recebiu unha educación esquisita en vários coléxios e universidades de Europa: Gènéve, Londres, París, Boulogne… e é que ata primeiros de século, eran os americanos os que viñan a Europa a se educaren, agora é ó revés. De regreso aos Estados Unidos, James ingresa na prestixiosa Facultade de Dereito de Harvard, no ano 1862, pero tan só tres anos despóis interrumpe os seus estudos para se adicar de cheio á Literatura, comezando a escribir artigos e relatos en revistas e xornais, e non sen grande sona, porque aos 25 anos, o xornal The Nation calificába-o xa coma “o millor escritor de contos dos Estados Unidos“.

Viviamos no derradeiro cuarto do século XIX e semellaba que os emerxentes Estados Unidos se deixaban embriagar pola poderosa influenza cultural da vella Europa. Henry James escribe verbo deste tema e os seus primeiros relatos amosan a influencia dos grandes: Balzac, George Elliot, Merimée… o ambiente da aristocrática Nova Inglaterra non podía senón conduci-lo atá a cidade da luz, Paris, onde trasláda-se a vivir en 1875. Alí coñecerá a artistas da talla de Gustave Flaubert, Daudet, o xenial Guy de Maupassant ou Eugeni Turguéniev. Nembergantes, un ano despóis irá a residir a Londres, onde vivirá xa atá a súa morte.

Henry James
Henry James

A súa primeira novela de éxito foi Roderick Hudson (1876), á que seguiron Washington Square (1881) e The portrait of a Lady (Retrato dunha dama), o mesmo ano. Definitivamente atrapado pola estética europea, comeza entón a desenvolver temas máis específicamente ingleses: What Maisie knew (O segredo de Maisie, 1897), The wings of the dove (As ás da pomba, 1902), The golden bowl (A urna dourada, 1904) e,  e especialmente, a obra da que ímo-nos ocupar en profundidade, The turn of the screw (Outra volta de rosca, 1898, pero tamén traducida ao galego coma Outra volta de torniqueta).

Na súa derradeira etapa regresóu de viaxe aos Estados Unidos, e froito das súas impresións, publicou The American scene (1906) e tres volumes coas súas memórias. En 1914 estoupa a Primeira Guerra Mundial, e alporizado coa actitude americana de non partecipación, decide nacionalizar-se inglés en sinal de protesta, finando pouco despóis, o 28 de febreiro de 1916, deixando várias novelas inconclusas e volumes de cartas que serían publicadas máis tarde (1920).

James foi un autor encumiado pola intelectualidade e amado pola crítica, que lle ven considerando case un deus. A súa vida, rexeitando o americano e amando o europeo, convírte-lle necesáriamente nun ídolo para os críticos que inda hoxendía négan-se a crér que en América houbo e hai iguais ou millores artistas ca en Europa. Pero alén de todas esas discusións de alta intelectualidade que debemos deixar para as Universidades de verán, está o innegable: a súa obra.

Outra volta de rosca é o Grande Paradigma. Ningún crítico que se queira considerar respectable entre a intelectualidade das Académias e pompas semellantes podería xamáis chegar nin tan sequera a considerar a ideia de que un relato fantástico (e xa nin falemos de terror!) poida ser arte ou literatura en xeito algún. E mália ese rexeitamento frontal, non hai ninguén que non recoñeza que Outra volta de rosca é un conto de pantasmas, e que inda así, é unha obra mestra. Por elo moitos críticos considérana coma a millor obra de espectros xamáis realizada, e inda algúns mesmo coma a única que merece ser chamada Literatura. De novo reclamo que deixemos a unha beira estas opinións, por suposto non respectables, que debemos saber que existen, pero non atá o punto que interfiran no noso modesto estudo ou obnubilen a nosa própia capacidade de análise e crítica.

A novela comeza coma unha história contada unha noite de treboada por Douglas, o dono dunha mansión, ós seus invitados ó redor do lume. Tráta-se dunha técnica na que James foi grande mestre: trocar os “puntos de vista” do narrador. Deste xeito logra dar-lle maior realismo á história, e afastar ao autor dos sucesos. O normal é que nunha história os feitos cheguen a nós deste xeito:

O escritor -> os feitos -> o leitor.

Pero en Outra volta de rosca, finalmente a história chega a nós tras pasar por estas fases:

O escritor -> os feitos -> a institutriz -> o relato escrito -> o dono da mansión -> ún dos convidados -> o leitor.

Esta complicación fai que o leitor abandoe por completo a ideia de que o que está a lér foi-lle transmitido polo escritor, esquecendo que é un relato inventado; sobre todo cando atopamos que o relato é contado en primeira persoa pola institutriz.

Outra volta á torniqueta, versión galega de 1998
Outra volta á torniqueta, versión galega de 1998

A protagonista do conto é unha muller nova, quen pide traballo e de feito consígueo, dun terratenente inglés, un deses señores ocupados de máis coma para atender ós seus sobriños, orfos após da morte dos seus pais na India e que lle veñen de caír enriba coma unha pesada carga que non está disposto a apandar.

A institutriz tivera unha antecesora no cargo, a señorita Jessel, quen seica faleceu mentres o exercía. A súa laboura será a de coidar e educar ós dous rapaces, un neno, Miles, e unha nena, Flora, e a única condición é a de non amolar nunca xamáis, para nada, ó tío dos nenos. El non desexa ser amolado e nin tan sequera informado de ren, ficando por enteiro a responsabilidade nas maos da nova institutriz.

Con estes extraños antecedentes mergullámo-nos nos feitos que van acontecer en Bly, a finca obxecto do relato. E o primeiro é ir recebir ao pequeno Miles, quen chega de vacacións de verán, xa que atá agora atopába-se interno nun coléxio.

A institutriz fica rápida e profundamente impresionada polos rapaces: son todo bondade, amabilidade, bós modais, e moi intelixentes, aprenden con rapidez e compórtan-se moi cariñosamente con ela. Pero inevitablemente, isto era idílico de máis coma para continuar así moito tempo…

O primeiro elemento de contraste é o ama de chaves, a señora Grose, unha muller misteriosa, ou que alomenos compórta-se dunha maneira misteriosa. O ambiente non é nin moito menos como para se portar así, e ás veces resulta case empalagoso de tanto bico e apretas cos nenos, pero a señora Grose é o contraste. Amósa-se fría e distante, e sobre todo, estraña, seica está agochando un segredo que non está disposta a revelar. Se cadra, neste intre poderiamos crér que a señora Grose tende a protexer aos nenos en exceso ou mesmo que ten ciumes da recén chegada, pero cando todo semella que en efecto nos indica que é así, xurde a súa actitude de colabouración e atá de submisión respecto á súa superiora.

Neste lugar tan bucólico de súpeto aparece algo extraño. A institutriz cré ver a alguén descoñecido en vários lugares da finca, espiándo-a a ela e aos nenos. É un ladrón? unha alucinación? unha pantasma? Ao princípio seica en efecto tráta-se dalgún lercho que penetrou na finca sen permiso e estaba a se dar unhas voltiñas, pero amodiño iremos decatándo-nos que non é así. O ama de chaves revela entre murmurios medosos algunhas cousas estrañas que aconteceron hai tempo, cando a anterior institutriz estaba ó mando, pero inda non quere revelar en que consisten esas “cousas”.

Ademáis, comezamos a saber outros segredos verbo do pequeno Miles. Por exemplo, que non está de vacacións, senón que foi expulsado do coléxio. Isto deixa abraiada e desacougada á institutriz: que motivo poido existir para que este neno tan bó e de modais tan exquisitos fose expulsado?

Fotograma do filme The Innocents protagonizado por Deborah Kerr
Fotograma do filme The Innocents protagonizado por Deborah Kerr

As aparicións continúan, e a institutriz cré ver de cando en vez aos nenos conversando cos estraños. Pero o abraiante é que cando ela lles pregunta con quen estaban a falar, eles negan a evidéncia e afirman que con ninguén e que alí non había ninguén amáis deles. A protagonista, mália todo, non quere recoñecer que algo moi raro está acontecendo, pero os feitos van rebordándoa pouco a pouco. Finalmente, a señora Grose desvéla-lle que as aparicións son as pantasmas da anterior institutriz, a señorita Jessel, e do seu amante, un tal Peter Quint. Amáis, infórma-lle que estes dous persoaxes, mortos en estrañas circunstáncias, eran “malos”. Por se fora pouco, estaban moi apegados aos nenos, mesmo máis ca ela agora.

As nosas dúbidas xurden unha tras doutra, e a linguaxe florida de James non axuda a aclarar ren. O mesmo Lovecraft comentaría que nin Henry James decatára-se do ambiente terrorífico que creara. É así realmente ou faino porque esa é a linguaxe dunha dama refinada, a que nos está a contar a história? En calquera caso, o que quere dicir a señora Grose cando afirma que os mortos eran “malos”? que influenza tiveron sobre os nenos, se agora vemos que son un exemplo de bondade? é que están facendo teatro? traman algo?

Até o final da novela, as preguntas van facéndo-se máis e máis numerosas, e cando seica todo fica aclarado nun senso ou noutro, é cando hai unha volta de rosca e os que semellaban os bós pasan a ser os malos, unha e outra vez, atá a terrorífica escena final, unha das máis abraiantes da moderna Literatura. E non só estéticamente, senón mesmo polo senso que ten todo aquilo. O que é o que pasou realmente? Quen eran os bós e quen os malos? Son as pantasmas as que controlaban aos nenos… ou os nenos ás pantasmas? É unha volta de rosca, coma indica o título? E nese caso, o que demostra? Son os nenos uns rapaces inocentes ou uns auténticos demos do inferno?

Son preguntas apaixoantes que a crítica de todo o mundo se fixo e se segue a facer hoxe e que contribuiron a que esta novela, a única de terror que escribiu Henry James, sexa un dos máis famosos contos de medo da história da Literatura. A ningúen lle parecerá indiferente Outra volta de rosca, nun senso ou noutro, e moi poucos poderán dicir que non tremeron de medo após da lectura da abraiante escena final.

Publicada con escaso éxito hai cen anos, en 1898, hoxendía é xa considerada coma unha obra mestra. Fixéron-se dela películas, séries de televisión, dramas, imitacións, e mesmo unha ópera baseada nela. Pero o que ninguén poido afirmar con total seguridade e determiñar con exactitude é o destiño final dos pequenos Miles e Flora.

Esta obra pasou por moitas peripécias, xa que ó seu pouco éxito inicial lle seguiron mesmo censuras en España por parte dos valentes defensores da nosa moral (o que fariamos sen eles?). Hoxendía póde-se atopar en moitas versións de diferentes editoriais, inda que son máis recomendables as edicións máis novas, porque algunhas das antigas adoecen de espantosas traducións. Ainda que por suposto, se a podedes lér na súa versión orixinal, facédeo. É pura poesía.