Dende hai un par de semanas sábe-se que o xogador dos Cleveland Cavaliers LeBron James aceptara a oferta da Warner Bros. Pictures para un contrato de exclusividade referido a televisión, cinema e contido dixital orixinal.
Case todo o mundo deu por certo que ese contrato sería para facer unha secuela do mítico Space Jam, no que tamén intervirían os persoaxes dos Looney Tunes, e todo mália que a Warners nunca anunciou tal proxecto.
Hai moitos anos que hai rumores sobre unha continuación ao famoso filme de 1996 que protagonizara Michael Jordan, pero até agora nunca nada concreto. Onte, nombergantes, James dixo que espera que o proxecto saia adiante: “Iso esperamos. Botamos de menos a Bugs e a Daffy e mais ao Demo de Tasmánia e a cada ún deles, así que agardamos poder facer grandes cousas“.
Isto semella indicar que o filme é algo mais ca un bó desexo e que podería estar xa en desenvolvemento polos estudos despois de todo. O que non está claro é basicamente nada mais: detalles da história, outros membros do reparto, director, etc. O ano pasado os rumores apuntaban a que o famoso locutor deportivo Dick Ebersol podería ser un dos produtores, pero o rumor foi negado pola canle ESPN.
Seica a participación de James na comédia de Amy Schumer Trainwreck o mes pasado foi o que convenceu á Warners para lle dar luz verde ao proxecto. Polo de agora tampouco se sabe se sería unha secuela da anterior entrega ou un remake.