Wesley Earl Craven, o mais salientábel mestre do terror do cinema contemporáneo, morreu este domingo na súa casa de Los Angeles após de perder unha dura batalla contra o cancro cerebral aos 76 anos de idade, segundo anunciou a súa família.
Guionista e director dos grandes clásicos Nightmare on Elm Street e mais da saga de Scream, a primeira película que dirixiu Craven foi The Last House on the Left en 1972, un filme ultraviolento que foi censurado en moitos países. A sua seguinte longametraxe sería moi semellante, The Hills Have Eyes (1977).
E cando todo semellaba indicar que Craven ía especializar-se no cinema mais sanguento e visceral, chegou o seu clásico de 1984: A Nightmare on Elm Street (Pesadelo en Elm Street) onde presentaba a Freddy Krueger, un asasino de adolescentes que só se aparecía nos soños. A face desfigurada de Freddy atormentou os pesadelos de toda unha xeración ao longo de nove filmes que se ben non foron dirixidos todos por Craven, si que levaron os elementos principais da súa franquía.
Coma mestre do xénero de terror, dirixiu moitos outros filmes e thrillers ao longo da súa carreira: Swamp Thing (1982), Deadly Friend (1986) ou The People Under the Stairs (1991).
En 1996 acadou un novo nivel de éxito grazas a Scream, un filme de terror que recadou mais de 170 millóns de dólares e no que Craven facía moitas referenzas paródicas ás súas própias películas. A longametraxe tamén xerou unha franquía de seu, cun total de catro entregas, a última aparecida en 2011.
Ademais de dirixir, Craven tivo tempo de rematar a súa novela Fountain Society, na que fala dun sinistro complot para lle outorgar a inmortalidade a un grupo selecto de científicos do governo. En 2011 apareceu a súa segunda novela, Coming of Rage.
Os seus últimos filmes foron My Soul to Take (2010), que escribiu e dirixiu, e Scream 4 (2011), que tan só dirixiu. Este ano deu comezo a série de televisión Scream, na que el era o produtor executivo.
Craven tiña ollo para recoñecer o talento alleo. Ademais de descobrir a Robert Englund (Freddy Krueger) descobriu asemade a Johnny Depp e deu-lle o seu primeiro papel protagonista a Sharon Stone e mais a Bruce Willis.
Wes Craven nacera o 2 de agosto de 1939 en Cleveland. Graduou-se no Wheaton College en inglés e psicoloxía e obtivo un master en psicoloxía pola Universidade Johns Hopkins. Durante un tempo foi profesor de inglés no Westminster College e profesor de humanidades no Clarkson College. Craven era un amante da natureza e escribía unha columna mensual no xornal Martha’s Vineyard Magazine adicada aos paxaros.
Estaba casado dende 2004 con Iya Labunka, no que era o seu terceiro matrimónio, e tiña dous fillos, Carol e Jessica.