A Legendary Entertainment, a Warner Bros. e mais a Universal Pictures están en conversas para se facer cos dereitos sobre Kong: Skull Island, un proxecto actualmente no poder da Universal e que está por pasar á Warner Brothers. O obxectivo final destas produtoras é crear un universo cinematográfico que combine a dous dos mais clásicos monstros da pantalla grande: King Kong e Godzilla.
O recente relanzamento de Godzilla producido pola Legendary e mais a Warner Bros. Pictures conta xa cunha secuela que está en marcha e que se estreará en 2018. A Legendary abandonou o seu fogar na Warners e mudou-se á Universal onde preparan xa Skull Island, ambientada na misteriosa illa perdida na que vive King Kong.
A ideia sobre o posíbel crossover que podería chegar a acontecer non só medra entre a comunidade de fans senón tamén entre os estudos, mentres as conversas tratan sobre o traspaso dos dereitos de distribución de Skull Island á Warners. Dado que a Universal só ía distribuír o filme, non ten un poder de decisión demasiado sinificativo.
Ademais hai que engadir que a Warners está devecendo por ter unha franquía de éxito, que a Legendary se fixo cos dereitos sobre Godzilla que posuía a Toho, e que os dereitos sobre King Kong caducaron e que nestes intres é de domínio público, polo que todo xunto fai prever que o acordo non debe ser difícil de acadar.
Os dous monstros xa se enfrontaron nun espectacular duelo nunha longametraxe xaponesa de 1962. Nesta nova entrega do lagarto xigante, Brie Larson, Tom Hiddleston e Corey Hawkins son os protagonistas e a rodaxe ten previsto comezar nas vindeiras semanas coa ideia posta nunha estrea que non se producirá até marzo de 2017.