A SpectreVision, unha produtora de terror independente, ven de confirmar que producirá unha adaptación ao cinema do famoso conto de H.P. Lovecraft The Color Out of Space.
Considerada por moitos críticos coma a millor obra de ciéncia-ficción lovecraftián, está ambientada nas salvaxes cuíñas ao oeste de Arkham en Massachusetts, o conto vai sobre a narración dunha persoa que vai unindo as pezas dunha história dun “ermo maldito”, un área no que caiu un meteorito hai moitos anos.
Como consecuéncia, a forza vital de todos os seres vivos que habitan nas proximidades é drenada. E ao mesmo tempo, a vexetación medra con forza e dun xeito estraño, mentres que os animais e os seres humáns morren ou se volven tolos.
Richard Stanley (Hardware, Dust Devil) será o director, na que será a súa primeira longametraxe en mais de dúas décadas. Ademais de dirixir, encargará-se de escribir o guión dunha película que promete ser de moito medo. Nunha declaración oficial, o cofundador da SpectreVision Daniel Noah dixo:
“H.P. Lovecraft é o pai indiscutíbel do terror na literatura, e ainda así, abraiantemente, ainda ten que haber un tratamento no cinema que capture a escura beleza da súa obra. A perfecta adaptación de Richard Stanley de Color Out of Space representa unha epifanía para min, coma sen dúbida o será para as lexións de fans de Lovecraft en todo o mundo“.
O conto foi adaptado previamente ao cinema en dúas ocasións. A primeira en 1965 co filme Die, Monster, Die!, dirixido por Daniel Haller e a segunda en 1987 con The Curse, dirixida por David Keith dun xeito mais fiel á obra orixinal.
Polo de agora está-se a facer o cásting e os plans son comezar a filmar a primeiros de 2016.