A produtora de videoxogos 343 Industries ven de comezar os traballos de programación da sexta entrega da súa popular saga de Halo, á penas unhas semanas antes do lanzamento mundial do quinto xogo da série.
A revista Games Radar puntuou xa cun “Golden Joystick” a Halo 5, nunha reportaxe especial na que Frank O’Connor (343 Industries) e mais Bonnie Ross revelan que a empresa ten xa un plan de vinte anos de duración para a súa franquía.
O’Connor dixo que saben moi ben como continuar a história na súa vindeira sexta parte, que seica fará entrar o argumento nunha “fundación fictícia” que levará á série a través das vindeiras dúas décadas:
“Dalgún xeito xa sabemos o que vai acontecer no seguinte videoxogo a estas alturas. Estamos a facer unha planificación moi séria e mesmo xa algunha programación do vindeiro xogo, e iso é un luxo – nunca estivéramos nesa posición antes.
Así que ambos os dous sabemos a un nivel moi alto o que vai acontecer en, digamos, dez anos dende agora. Pero a ese nivel moi granuloso saber o que vai acontecer no seguinte xogo é xa unha gran sensación para min.
Se comezas a facer eses chanzos de pedra demasiado ríxidos, non estás a ser realista sobre o proceso de desenvolvemento do xogo. Ese proceso podería cambiar a história pero sabemos o que vai acontecer no vindeiro xogo, e dalgún xeito sabemos o que vai acontecer finalmente co Master Chief“.
Halo 5: Guardians é un videoxogo exclusivo para a Xbox One e chegará aos andéis das tendas o 27 de outubro. Polo de agora non se sabe en que data podería aparecer Halo 6, pero o mais probábel é que sexa a finais de 2018.