O produtor de Fringe e co-guionista do relanzamento de Star Trek en 2009, o californián Alex Kurtzman, está a desenvolver unha nova série de Star Trek para a televisión que entrará en produción o ano que ven coa vista posta nunha estrea que sería en xaneiro de 2017 na canle CBS.
O episódio piloto e todos os subseguintes estarán dispoñíbeis exclusivamente nos Estados Unidos a través do servizo de suscrición dixital CBS All Access. Esta será a primeira vez que unha série de televisión sexa emitida nunha das catro grandes canles americanas pero primeiro e principalmente a través do seu servizo de video baixo demanda. A canle de feito ainda non ten decidido se farán coma con outras grandes séries da actualidade, nas que todos os episódios están dispoñíbes dende o primeiro intre para a descarga, pero logo van-se emitindo ún por semana (sistema que emprega a série House of Cards, por exemplo).
David Stapf, presidente dos estudos de televisión da CBS dixo nun comunicado: “non hai millor intre para lle dar aos fans de Star Trek unha nova série que nos albores da celebración do seu cincuenta aniversário. Todo o mundo aquí ten un grande respecto por esta franquía e estamos emocionados de lanzar o seu novo episódio na televisión na mente creativa e nas habilidosas mans de Alex Kurtzman, alguén que coñece este mundo e á súa audiéncia tan intimamente“.
Non se sabe que relación coa cronoloxía oficial trekkie terá esta nova série, pero de certo que non estará vencellada á nova longametraxe dirixida por Justin Lin Star Trek Beyond, que debutará nos cinemas o 22 de xullo. Kurtzman e mais Heather Kadin serán os produtores executivos e os estudos de televisión da CBS producirán a série.
A última vez que se emitiu unha série de Star Trek pola tele foi en 2005, cando rematou a saga de Star Trek: Enterprise.
Ao mesmo tempo, o ano 2019 foi fixado coma data de lanzamento para a cuarta entrega da franquía de Star Trek no cinema, unha laboura para a que Kurtzman xa non estará vencellado.