David Leslie Johnson (Wrath of the Titans, Red Riding Hood) ven de ser contratado para escribir o guión do filme Aquaman, que dirixirá James Wan para a Warner Bros. Pictures.

Jason Momoa será o protagonista no papel do superheroe submariño da DC Comics e cuxa longametraxe servirá para introducir o novo universo de persoaxes entre os que estarán Wonder Woman e mais os que aparecerán no filme Batman v Superman: Dawn of Justice.

Os anteriores guións foran obra de Will Beall e Kurt Johnstad, que traballaran en cadansúa versión. A participación de Johnson polo de agora non está clara, pero seica traballará conxuntamente con Wan para racionalizar o proxecto.

Aquaman ten previsto estrear-se ao longo de 2018. Wan e Johnson xa traballaran xuntos no filme de terror The Conjuring 2: The Enfield Poltergeist.