Seica a Netflix está a preparar un remake da clásica série de culto de ciéncia-ficción dos anos 60 Lost in Space. O popular servizo de streaming gañou os dereitos para desenvolver un relanzamento da franquía.
O proxecto está polo de agora a ser escrito coa ideia de lanzar unha série directamente. A nova versión sería unha macrosaga de ciéncia-ficción moito menos “campy” cá orixinal pero aínda centrada na figura dunha família de exploradores da Terra que se perden no espazo. A série falará dos desafíos de ficaren unidos contra as remotísimas posibilidades de regresar algún día á Terra.
Os guionistas de Dracula Untold Matt Sazama e Burk Sharpless escribiron o primeiro episódio da nova versión, que contará con Neil Marshall, Kevin Burns e Marc Helwig coma produtores executivos. Marshall, que conta con sona no mundo da televisión grazas á súa laboura en séries coma Game of Thrones ou Black Sails, será probábelmente o director do episódio piloto.
A série foi adaptada ao cinema en 1998 e mesmo tentou-se unha série de televisión en 2003, que non chegou pasar do episódio piloto. A série orixinal durou 83 episódios ao longo de tres tempadas na CBS.