Kevin Bacon regresa aos Tremores

0
380

A Universal Cable Productions (Mr. Robot) e mais a Blumhouse Productions (The Jinx) producirán conxuntamente un relanzamento para a televisión da clásica série de filmes de cinema dos anos 90 Tremors.

O mais interesante está en que o mesmo Kevin Bacon, vintecinco anos despois de protagonizar o primeiro filme, repetirá o seu papel de Valentine McKee para a série de TV, na que el mesmo será produtor executivo. Andrew Miller está ademais a bordo do proxecto, que case con total seguridade se ambientará unha vez mais na fictícia vila desértica de Perfection (Nevada).

O filme orixinal ía sobre un grupo de vermes xigantes que perseguen e comen á xente, á que poden rastrexar grazas ás vibracións das súas pegadas. O filme contou cun baixo orzamento (11 millóns de dólares) e moitos tintes innecesários de comédia, e o seu éxito se fixo agardar até o intre no que a fita apareceu no mercado de aluguer de vídeo, recadando daquela 48 millóns de dólares, abondo coma para producir catro secuelas que foron xa directas ao mercado de vídeo doméstico, e mais unha série de televisión en 2003 que durou 13 episódios.

Polo de agora non hai unha canle vencellada ao proxecto, pero seica hai várias interesadas en se facer cos dereitos. Tampouco se sabe se o compañeiro de Bacon, o coprotagonista Fred Ward, repetirá o seu papel de Earl Bass. A última vez que Ward apareceu na tele foi facendo o papel do pai de Colin Farrell na última tempada de True Detective na HBO.