Despois dos éxitos de filmes de secuela coma Jurassic World e Tron: Legacy, semella que outro proxecto que leva moitos anos agardand oa súa oportunidade podería por fin contar con ela. Tráta-se dos Gremlins, e mesmo podería non ser un relanzamento senón unha continuación da saga.
O protagonista das dúas primeiras entregas, o actor dos 80 Zach Galligan, dixo nunha entrevista que o novo filme, para o que se contratou a comezos de ano a un novo guionista, non será un remake senón unha secuela, unha continuación das aventuras dos dous primeiros filmes, e todo elo por desexo expreso de Chris Columbus, que escribiu o guión da película orixinal e vai producir a nova:
“Non vai ser un relanzamento. Non será un remake de ningún xeito, maneira ou forma. Chris Columbus apareceu e dixo que o primeiro filme está moi preto e que el o quere moito e que mentres el viva non se vai facer de novo. Así que o único que queda é – e seica iso é o que vai ser – é algo na liña de Jurassic World, onde será trinta anos despois“.
Anteriormente, Columbus non estivera disposto a facer o filme porque todo o mundo estaba a lle suxerir que debía facer un relanzamento, pero nas últimas novas revelou que lle deran unha ideia que realmente soaba coma unha versión interesante: “non será un remake, senón só unha reinvención“.