Un duro sol sobre Londres

1302

A BBC One ven de lle dar a luz verde ao creador de Luther, Neil Cross, para a realización dunha nova série de ciéncia-ficción titulada Hard Sun. O proxecto rodará-se en Londres e arredores, e agárda-se que se dea a coñecer axiña o reparto.

Polo de agora a série consistirá en seis episódios, que exploran a ideia de dous detectives e riváis que tentan manter a lei e protexer aos seus seres queridos nun mundo que recebiu unha senténcia de morte. O concepto é ver como reaccionaría a humanidade se soubera que o mundo vai rematar dentro duns poucos anos. Cross explíca-no-lo así:

Imaxina o mundo que ves pola fiestra… pero que recebiu unha senténcia de morte. Isto non é ciéncia-ficción. É o mundo real. Non hai un heroe que virá a nos salvar, non hai plans de continxéncia. Temos cinco anos. Este é o mundo de Hard Sun… e o mundo de Elaine Renko e Robert Hicks. Como é tentar manter o orde, tentar impoñer a lei nunha cidade que, día a día, vai-se achegando a unha destrución segura?

Como te ergues pola mañán? Como saes da cama e deixas á túa família, poñendo a túa vida en perigo? Que pasa cos pervertidos? E cos asasinos, os violadores, os ladróns? O que pasa cos psicópatas, os tolos relixiosos, os líderes de cultos, os asasinos en série? Quen entre eles vai ter medo dunha pena de prisión, nun mundo coma este? Quen de eles vai ter medo das consecuéncias legais? O que sinifica unha cadea perpétua xa? Que senso ten a xustiza na face do Armaxedón?

Levo a Renko e mais a Hicks e ao seu mundo rondándo-me pola cabeza dende hai tempo. Estou incríbelmente feliz de que, coma min, vaian atopar o seu fogar na BBC. Non podo esperar a que os coñezades“.

A série ten prevista a estrea para 2017.