A triloxía marcián directa á tele

0
431

A Spike TV ven de aprobar unha tanda de dez episódios para Red Mars, unha nova série de ciéncia-ficción que adaptará á televisión a triloxía homónima do mítico escritor Kim Stanley Robinson, gañadora dos prémios Hugo, Nebula e Locus nos anos 90.

A série, composta polos libros Red Mars, Green Mars e Blue Mars narra as aventuras ao longo de case dous séculos dos asentamentos e da terraformación do planeta Marte a través dos ollos dunha ampla gama de protagonistas.

A versión para a pequena pantalla seguirá aos primeiros colonos encargados de terraformar un planeta misterioso, todos os cales competiron para formar parte da misión. Estas persoas, estraños entre si, están afastados de todo aquilo que coñeceron nas súas vidas e deben sobrevivir no contorno mais duro imaxinábel.

J. Michael Straczynski (Sense8, Babylon 5) escribirá o guión da série e será o produtor executivo xunto a Vince Gerardis (Game of Thrones), David Ellison, Dana Goldberg e Marcy Ross.

O mesmo Robinson participará como consultor na série, cuxa produción ten previsto comezar o vindeiro verán coa vista posta nunha estrea que non será até o mes de xaneiro de 2017 e que será a primeira série guionizada da canle Spike nos últimos nove anos.