Segundo o comunicado que nos remitiron, o xurado formado por Mario Regueira, Isabel Mociño, Mila da Aira, António Ságue e Joâo Madureira e actuando como vocais da Urco editora e sen voto, Tomás González Ahola e David Cortizo Conde, decidiu que, de entre as dezaoito obras recibidas, o primeiro premio Antón Risco de literatura fantástica recaí-se sobre a obra presentada baixo o título Querido H.P.L que, logo da apertura da plica, resultou ser da autoría do escritor de Pontedeume Antonio Manuel Fraga Allegue.
Asemade, pola súa calidade, o xurado tamén decidiu nomear finalista á obra Peixe Babel, da autoría de Carlos Quiroga, que será premiada coa súa publicación.
A Urco Editora, en colaboración coa Fundación Vicente Risco, a Sacauntos Cooperativa Gráfica, a Libraría Aira das Letras, a Livraria Traga-mundos, a Pastelaría Fina Rei e mais o Restaurante Pingallo, convocaran conxuntamente o pasado mes de maio o I Prémio Antón Risco de Literatura Fantástica, a fin de homenaxear ao escritor e teórico da literatura alaricano Antón Martínez-Risco Fernández.
Antonio Manuel Fraga é enxeñeiro técnico industrial ademais de escritor en galego. En 2013 gañou o X Certame de microrrelatos da Lonxa Literaria de Moaña e mais o Premio Merlín coa obra O castañeiro de abril.
A obra gañadora, dada a coñecer onte, será premiada con 3.000 euros e mais a publicación do libro.