
A Twentieth Century Fox ven de se facer cos servizos do actor Jack Black para que interprete a Gulliver no clásico fantástico As Viaxes de Gulliver, narrando todas as aventuras de Lilliput. Rob Letterman (Shark Tale) será o director do filme, que contará cun guión de Nicholas Stoller e Joe Stillman.
Segundo afirman os responsábeis, esta nova encarnación do clásico da literatura será unha “reimaxinación contemporánea“, o que sinifica que Lemuel Gulliver será un “escritor de viaxes cun espírito libre” no canto de ser o cirurxán que viaxa a bordo dun veleiro no século XVII. Nesta ocasión tirarán do xa cansino triángulo das Bermudas, onde se perderá o noso protagonista para aparecer misteriosamente na illa de Lilliput, onde coma xa todos sabemos habita unha xente traballadora, pero pequena.
Con alguén coma Black, que está ben lonxe de ser un actor dramático, a bordo do proxecto, e con todo “modernizado”, é doado asumir que o novo filme será máis ben unha comédia e que non contará con ningún dos mordaces comentários sociais que Jonathan Swift engadiu abondosamente na súa novela.