A Lucasfilm confirma os detalles de TR-8R

0
354

(Ollo: este artigo podería conter spoilers!)

Moi pouco despóis da estrea de Star Wars: The Force Awakens nos cinemas, os memes apoderáron-se das redes sociais e desenvolveron dous intres específicos do filme. O primeiro é a relación entre Poe Dameron (Oscar Isaac) e Finn (John Boyega) a causa da escena da chaqueta e do que podería ser algo mais ca unha amizade entre os dous persoaxes.

O outro, moito mais popular, é a aparición dun soldado da Primeira Orde ao que os fans batizaron coma TR-8R (un xogo de palabras que ven sinificar “traidor”, a única palabra que pronúncia o persoaxe). Ainda que o capitán Phasma (Gwendoline Christie) ía ser o novo Boba Fett da nova triloxía antes do seu lanzamento, o seu persoaxe quedou moi atrás en canto a popularidade con respeito a TR-8R e mais o seu bastón, capaz de se enfrontar con éxito contra unha espada láser.

Agora a Lucasfilm revelou o trasfondo da história sobre o persoaxe. Chamado FN-2199 (ou “Noves”), é o mesmo persoaxe que aparece na novela introdutória de Greg Rucka Before the Awakening, un soldado que recebiu adestramento e serviu no mesmo pelotón ca Finn (daquela chamado aínda FN-2187) na Primeira Orde. A súa arma é un bastón Z6 e forma parte dunha equipa de elite de controladores de revoltas.

O editor de són da Skywalker Sound David Acord forneceu ao persoaxe coa súa voz, mentres ca o veterán especialista en escenas de acción Liang Yang deu-lle vida.

Pola súa banda, seica a súa rápida adaptación á loita con espadas non foi abondo para o persoaxe interpretado por John Boyega, que contará cunha maior participación na vindeira entrega da saga, Star Wars: Episode VIII que dirixirá Rian Johnson. O actor inglés de 23 anos dixo nunha entrevista: “xa estamos a traballar no Episódio VIII así que teño que gardar segredos outra vez. O guión é xenial, moito mais sinistro, pero estamos moi emocionados. A miña intervención no vindeiro filme será moito mais física así que terei que estar no ximnásio un pouco mais“.

Star Wars: Episode VIII entrará en produción dentro de poucas semanas. A súa estrea será o 26 de maio de 2017.