Morreu o Home Alto de Phantasm

1504

Angus Scrimm, o actor de xénero que se fixo popular grazas á súa interpretación do “Home Alto” na franquía Phantasm, finou o pasado sábado 9 de xaneiro. Segundo o seu amigo e director Don Coscarelli, “Angus morreu a pasada noite en paz, acompañado dos seus seres queridos. A súa interpretación como o Home Alto é un grande logro para a história do terror. Foi o derradeiro dunha grande lista de estrelas do cinema de terror. Era un actor magnífico, pero ainda millor amigo. Botarémo-lo de menos“.

Lawrence Rory Guy, o seu nome real, nacera en Kansas City o 19 de agosto de 1926, Traballou orixinalmente coma xornalista e escribiu e publicou para revistas coma TV Guide, Cinema Magazine, o Los Angeles Herald Examiner e moitas outras. Ademais escribiu notas introdutórias para moitos discos, dende Frank Sinatra até os Beatles, polas que mesmo gañou un prémio Grammy.

Ainda que medía 1,93 centímetros, que é moito pero non abondo, interpretou ao Home Alto no cinema axudado por traxes de várias tallas mais grandes e zapatos con plataformas. O seu papel na saga Phantasm axudou-no a facer carreira no teatro e mais na pequena pantalla.

Na súa traxectória destacan filmes coma Vampirella (1996), Wishmaster (1997) ou unha pequena aparición sen acreditar en Always Watching: A Marble Hornets Story (2015). O seu derradeiro traballo foi de novo o Home Alto na quinta e definitiva entrega da série Phantasm: Ravager, aínda por estrear.