Han Solo

A Disney e mais a Lucasfilm están a buscar activamente o actor que interpretará ao xoven Han Solo na vindeira película spin-off da saga da Guerra das Galáxias, aínda sen título oficial.

Milleiros de actores foron considerados para o papel, pero a listaxe reduciu-se a uns poucos nomes, entre os que se inclúen os de Miles Teller, Ansel Elgort, Dave Franco, Jack Reynor, Scott Eastwood, Logan Lerman, Emory Cohen e Blake Jenner. Agás Eastwood (29 anos), o resto está nun rango de entre 20 e 25 anos.

A produtora Kathleen Kennedy e mais os directores Phil Lord e Chris Miller comezarán a facer probas co grupo de candidatos e nas vindeiras semanas agárda-se que se produza unha decisión sobre o elixido, se ben a rodaxe non dará comezo en todo caso até xaneiro do ano que ven.

Algunhas fontes internas din que queren contar cun elixido tan cediño porque ese actor podería ter xa unha pequena participación no filme Rogue One: A Star Wars Story, na que o xoven Solo contaría cun cameo antes de aparecer no filme de seu (o mesmo que se pretende facer por exemplo con Tom Holland en Captain America: Civil War, onde fará o seu papel de Spiderman). O filme independente de Han Solo estaría ambientado mais ou menos no mesmo periodo de Rogue One, uns dez anos antes dos feitos narrados en Star Wars IV: A New Hope.

Rogue One ainda ten por diante un mes mais de rodaxe antes de se estrear nos cinemas en decembro. O filme de Han Solo estreará-se o 25 de maio de 2018.