Os Mitos de Cthulhu do mestre H.P. Lovecraft foron dende sempre unha fértil fonte de inspiración para cineastas, escritores e artistas afeccionados ao terror, pero ninguén puido até agora producir unha obra que versionara directamente e coa debida calidade os elementos mais característicos do seu universo. Nos últimos anos semellaba que Guillermo del Toro ía lograr facer unha longametraxe que versionara a novela de 1931 At The Mountains Of Madness, pero o proxecto foi-se a pique antes de empezar por mor dos excesivos custes.
A novela orixinal vai sobre unha expedición que a Universidade de Miskatonic organiza á Antártida á procura dunha equipa que se perdeu antes ca eles, pero alí descobren os restos dunha antiga civilización alieníxena, unha xigantesca cidade pantasma que se cadra non está todo o abandoada que semellaba.
Agora, unha empresa de desenvolvemento de videoxogos valenciana chamada Team Clockworks ven de facer unha versión de seu desa novela, un videoxogo en primeira persoa no que a exploración e mais a aventura teñen mais importáncia cós disparos (se ben estes non están excluídos de todo). Esta será, prometen, unha interpretación de seu da história, convertida nun videoxogo de supervivéncia.
Nela porémo-nos na pel do xeólogo William Dyer, profesor na Universidade de Miskatonic, quen ten a esperanza de impedir unha expedición científica á Antártida na procura de fósiles e zonas non exploradas.
Creada co motor de programación Unreal Engine 4, a equipa formada por dous persoas (Teresa Nogués e Mikel Villaverde) tentou obter financiación aló polo mes de xullo, pero só puideron acadar uns poucos centos de euros no lugar dos miles que pedían. Mesmo así, comezaron o traballo e xa poden presentar unha primeira ollada, un tráiler para a versión beta que podedes ver neste ligazón.