A Netflix ven de confirmar que a súa exitosa série baseada en persoaxes da Marvel Comics, Jessica Jones, foi renovada por unha segunda tempada de trece episódios.
A série foi estreada en novembre e decontado obtivo unhas excelentes críticas tanto da prensa coma do público, mesmo superiores á da primeira série que a Netflix e mais a Marvel fixeran conxuntamente, Daredevil. En Jessica Jones, Krysten Ritter interpreta a unha ex-superheroína reconvertida en detective privada que tenta reconstruír a súa vida.
A série foi unha das cinco orixinais que a Netflix encargou baseadas en persoaxes da Marvel. A terceira é Luke Cage, que se agarda que se estree ao longo deste ano, e das outras dúas aínda non se sabe nada agás que os persoaxes escollidos foron Iron Fist e The Defenders. Segundo o director comercial Ted Sarandos, “aínda temos a intención de facer as cinco que anunciamos orixinalmente“.
Tanto Luke Cage coma a segunda tempada de Jessica Jones unirán-se á segunda tempada de Daredevil ao longo de 2016. Ademais, existe a posibilidade de facer unha série secuela, The Punisher, pero sen confirmar neste caso.