María Magdalena, o spin-off de Xesús Cristo

0
522

A Universal Pictures International Productions e mais a See-Saw Films van-se asociar para produciren conxuntamente un filme que narrará a vida de María Magdalena. O obxectivo é crear un retrato da enigmática e non sempre comprendida figura da fiel seguidora e esposa de Xesús Cristo, de quen se di foi testemuña directa da súa mítica resurreción.

María Magdalena desenvolveu co paso dos séculos unha sinistra reputación, até ser considerada durante a Idade Média coma prostituta arrepentida, aínda que en ningún dos libros sagrados dos cristiáns se mencione ren diso. Nestes intres hai várias candidatas para se facer co papel, que no pasado xa foi interpretado por Barbara Hershey, Anne Bancroft e Monica Bellucci en diversas producións no cinema e na televisión.

Garth Davis (Top of the Lake, Lion) dirixirá esta longametraxe, aínda sen título oficial, a partir dun guión orixinal de Helen Edmundson e Philippa Goslett, mentres que o dúo responsábel de The King’s Speech, Iain Canning e Emile Sherman, serán os produtores. A rodaxe arrincará este verán coa vista posta nunha estrea que non será até 2017.