A precuela de Rogue One en cómic

1293

A Marvel Entertainment ven de anunciar que para outubro estará xa dispoñíbel unha minisérie de cómic de tres números que servirá coma precuela do seu novo filme da saga da Guerra das Galáxias, Rogue One: A Star Wars Story, que será estreada no mes de decembro.

Polo de agora non hai confirmado ningún detalle do argumento deste cómic, nin tan sequera de quen son os seus creadores, e tan só se sabe que mais adiante aparecerá un número extra.

A xogada da Marvel para esta ocasión non é moi distinta da que xa levaron a cabo para a estrea de Star Wars: The Force Awakens, que foi precedida dun cómic de catro partes titulado Shattered Empire e posteriormente dun número extra mais adicado a C-3PO, un mes despois dos anteriores.

Felicity Jones, Mads Mikkelsen, Ben Mendelsohn, Alan Tudyk, Diego Luna, Forest Whitaker, Donnie Yen e Wen Jiang serán os protagonistas deste filme que se estrea en decembro. Os rumores apuntan a que o primeiro tráiler aparecerá para a estrea de Captain America: Civil War.