Rosa Vermella, a irmá de Branca Neves

921

Após de que a Universal producira Snow White and the Huntsman, quitándo-lle á Disney a súa exclusividade co clásico persoaxe de Branca Neves, os estudos da Casa do Rato decidiron que chegou a hora de pasar á acción cun novo enfoque.

A Disney ven de mercar un guión de Justin Merz e mais un boceto do guionista de Snow White and the Huntsman Evan Daugherty que tratan sobre a mesma história, unha nova versión do conto pero esta vez enfocada no persoaxe de Rosa Vermella, a irmá de Branca Neves.

Ainda que Rosa Vermella (Rosenrot no seu nome alemán orixinal) é un persoaxe que aparece nos contos de fadas dos irmáns Grimm xunto á súa irmá Branca Neves (Schneeweißchen), fai-no en aventuras que non gardan relación coa história mais coñecida de Branca Neves e os Sete Ananos. Merz escribiu o guión de Rosa Vermella coma unha história autoconclusiva, pero logo chegou Daugherty e creou unha nova versión que fai que o conto estea mais vencellado coma “peza de acompañamento” ao clásico filme de debuxos animados de 1937 Snow White and the Seven Dwarfs.

Na nova versión, Rosa Vermella está incorporada ao conto de Branca Neves e se converte nunha peza clave na última parte da história após de que Branca Neves tome un anaco da mazá envelenada. A súa irmá Rosa Vermella escomezará daquela unha perigosa procura xunto a Grumpy e os outros ananos para rachar o meigallo e devolver a Branca Neves á vida.

Tripp Vinson será o produtor deste filme, para o que conta coa experiéncia prévia de ter traballado noutras versións con actores reais de clásicos da Disney: Genies e Prince Charming.