A Netflix e mais a CBS Studios International veñen de anunciar hoxe un acordo para a emisión da nova série de televisión de Star Trek. A Netflix será a canle que emita en exclusiva a estrea do novo programa en 188 países (básicamente, todos agás os Estados Unidos e Canadá). Cada episódio estará dispoñíbel na Netflix tan só 24 horas despois da súa estrea pola CBS en Norteamérica.
Por outra banda, os 727 episódios das séries Star Trek, Star Trek: The Next Generation, Star Trek: Deep Space Nine, Star Trek: Voyager e Star Trek: Enterprise estarán dispoñíbeis na súa totalidade en todo o mundo para finais de 2016.
A nova série comezará a se producir en Toronto (Canadá) en setembro coa ideia de estrear xa en xaneiro de 2017. A franquía regresará asemade á televisión despois dun hiato que duraba dende 2005, cunha nova nave, nova tripulación, novos persoaxes e novas misións.
Alex Kurtzman e Bryan Fuller son os co-creadores e produtores executivos da nova série de Star Trek, baseada na série orixinal de Gene Roddenberry. Fuller comezou a súa carreira na televisión escribindo guións para Star Trek: Deep Space Nine e Star Trek: Voyager, mentres ca Kurtzman é o co-guionista e produtor das longametraxes Star Trek e Star Trek Into Darkness.