O director de Iron Man Jon Favreau será o máximo responsábel dunha nova série de televisión creada por Seth MacFarlane (Family Guy) que se desenvolverá no espazo e que aínda non ten título.
A série contará con episódios dunha hora de duración e está ambientada no espazo, tres séculos no futuro. Nela, unha heteroxénea tripulación a bordo da nave Orville explorará os desafíos do universo e mais as situacións de convivéncia entre os seus membros. A decisión de producir a série fora xa adoptada no pasado mes de maio e estará protagonizada polo mesmo MacFarlane, Adrianne Palicki, Scott Grimes, Peter Macon e mais J Lee.
Favreau será ademais o produtor executivo e consultor da série despois de rematar o seu traballo coma director do primeiro episódio, o mesmo acordo ao que xa chegara con Revolution na NBC.
A rodaxe comezará en todo caso en xaneiro.