A Microsoft ven de anunciar que despois de moitos intentos fracasados, van-se asociar coa Universal Pictures para facer unha versión cinematográfica da súa exitosa franquía de videoxogos Gears of War.
O anúncio, que tivo lugar no decurso dunha presentación online do vindeiro Gears of War 4 que aparecerá o ano que ven para a consola Xbox One, foi realizado por Rod Fergusson, o xefe de programadores da compañía creadora do xogo, Coalition:
“Co fin de apoiar a franquía, o seguinte paso lóxico era facer a película. Xa fixemos cómics e novelas no pasado pero a oportunidade de traballar coa Universal para traer á vida o filme era perfecta“.
Cando lle preguntaron como evitar que esta versión no fracasase, cousa que case todas as outras versións de videoxogos ao cinema fixeron no pasado, Fergusson dixo que a clave é enfocar-se na tradición e non no xogo ou nos fans do xogo:
“Coido que algunhas películas baseadas en videoxogos fracasaron no pasado porque tentaron facer unha película para xogadores. Se tes esta estupenda propriedade cun transfondo profundo e unha chea de tradicións coa que podes facer histórias interesantes é xenial, pero se só vas detrás da audiéncia de xogadores non vai ser unha película de éxito. Esa é unha das grandes cousas de traballar coa Universal“.
Scott Stuber (Ted) e Dylan Clark (Rise of the Planet of the Apes) serán os produtores, pero polo de agora non hai nin guionista nin director vencellados ao proxecto, que mentres estivo nas mans da New Line contou coa participación de Len Wiseman, Chris Morgan e Billy Ray.