Oscars sen a BSO de Batman

0
204
O Cabaleiro Escuro
O Cabaleiro Escuro

A banda sonora orixinal de O Cabaleiro Escuro ven de ser descalificada polo comité executivo da Académia de Hollywood que concede os Oscars. Esta mesma semana os compositores Hans Zimmer e James Newton Howard recibirán senllas cartas oficiais comunicándo-lles o feito.

O curioso é que non é a primeira vez que lle acontece isto á parella de músicos, porque a súa anterior colaboración en Batman Begins tamén fora descalificada en 2005.

Fontes internas da Académia deron a entender que a descalificación produciu-se porque os compositores da banda sonora son cinco persoas segundo a folla de datos oficial dos estudos que produciron o filme.

Zimmer dixera nunha entrevista anterior a todo este escándalo que poñer vários nomes como autores da banda sonora é algo habitual, para poder recompensar económicamente o traballo de moitas persoas que colaboraron pero sen chegar ser autores. Zimmer, Howard e as outras tres persoas – o editor musical Alex Gibson, o deseñador de ambiente musical Mel Wesson e mais o compositor Lorne Balfe – asinaran unha declaración xurada na que manifestaban que o traballo de creación correspondeu a Zimmer e Howard.

Pero iso non foi abondo para a maioría do comité, ao que ao longo dunha xuntanza que durou catro horas tamén lle chegou unha documentación que seica indica que máis do 60% pero menos do 70% da banda sonora foi composta pola parella de músicos.

Nin Zimmer nin Howard quixeron comentar esta decisión. Ambos os dous teñen no seu haber sete nominacións, e Zimmer xa gañou un Oscar por O Rei León.