Os estudos franceses Gaumont realizarán un remake da longametraxe coreana Busanhaeng (Tren a Busán en galego), un filme de zombis que foi un completo éxito nos despachos de billetes este ano en todo o surleste asiático, recadando mais de 99 millóns de dólares dende que comezou a se distribuir no mes de xullo. O remake rodará-se en inglés e irá dirixido ao mercado internacional. A Gaumont e mais a Next Entertainment World fixeron público o anúncio do seu acordo onte mércores.
Busanhaeng debutou en Cannes o pasado 13 de maio e xa daquela atraiu a atención da Fox, a Sony, Studiocanal e mais Europacorp, todos eles tentando facer-se cos dereitos. Kim Woo-taek, o CEO da Next Entertainment, dixo nun comunicado:
“Estamos mais ca satisfeitos de comezar o noso negócio coa Gaumont, unha das meirandes compañías de cinema con grande experiéncia en termos de proxectos mundiais. Agardamos que esta oportunidade permita aos filmes coreáns obtér mais atención e facer-se familiares entre o público de todo o mundo“.
O animador Yeon Sang-ho dirixiu o filme orixinal, ambientado no interior dun tren de alta velocidade que vai dende Seul a Busán cando un brote zombi estoupa. O remake estará situado nos Estados Unidos e a rodaxe realizará-se en Los Angeles.