Director: Gareth Edwards
Guión: Chris Weitz e Tony Gilroy
Reparto: Felicity Jones, Diego Luna, Ben Mendelsohn, Donnie Yen, Mads Mikkelsen, Alan Tudyk, Riz Ahmed, Jiang Wen e Forest Whitaker
Calificación: 82 %
Tan agardada coma a chegada de Santa Claus a cada casa, polo nadal seica a nova tradición é a estrea dunha nova longametraxe da Guerra das Galáxias. Nesta ocasión non é o novo episódio da saga (que chegará o 15 de decmebro de 2017) senón unha história á parte, na que se nos conta como os rebeldes roubaron os plans da Estrela da Morte.
Aburrida por veces, emocionante nun par de ocasións, o malo destes filmes que só serven para lle poñer un pouco de aceite ás engranaxes da franquía e para facer oficiais as explicacións ás preguntas dos fans ao longo dos anos (por exemplo: por que a Estrela da Morte tiña ese fallo de construción que a fixo vulnerábel a un só disparo láser ben apuntado?) pero non para sabermos moito mais sobre os persoaxes que xa coñecemos e que xa sabemos o que van facer. Así que antes de comezar xa sabemos quen vai vivir, quen non, e quen acabará sendo un heroe, con moitas flores na súa tumba. E aquí, xa o avisamos, morre até o apuntador. O que non debería abraiar a ninguén, porque obviamente estes persoaxes xa non aparecen mais nos seguintes tres episódios.
O filme comeza cunha escea que pode levar a confusión: unha nena sálva-se de morrer cando parece un sinistro axente do Império para raptar a seu pai, que é un enxeñeiro ao que precisan para construír a Estrela da Morte. A confusión podería ser crér que esta nena é a princesa Leia, pero non. Ela vai ser Jyn Erso (Felicity Jones), a protagonista do filme: heroína de acción, intrépida, aventureira e con pouco medo á morte.
O malo é Orson Krennic (Ben Mendelsohn), director de Armamento Avanzado do Império e responsábel da nova arma definitiva. O tipo fai un papel que non se pode calificar de memorábel, mália que os malos sempre teñen ese punto de morbo que os fai mais interesantes cós heroes, pero cumpre con xustiza e a verdade é que ficamos con ganas de sabermos mais del.
Após da morte da nai de Jyn a mans de Krennic, dámos un chimpo adiante no tempo e quince anos despois a nena xa medrou. Vémo-la metida nunha cela, de onde é rescatada polos rebeldes, que a precisan porque queren que ela se encargue de contactar con seu pai, quen está a pasar información á Rebelión en secreto.
Entre os méritos deste filme hai que salientar a súa estética, que sen ser totalmente novidosa si que é capaz de aportar novos elementos, deses que os fans procuran e dos que nunca teñen abondo: os vestidos, os escenários, as novas explicacións e racionalizacións a vellas preguntas, todo está aí e esta vez non hai que busca-lo con lupa. E na parte negativa, os persoaxes, que non poden dar moito mais de seu por dous motivos: que son demasiados protagonistas e non hai tempo abondo para todos, e porque, obviamente, o seu papel só pode reducir-se ao de ser heroes e non pasar do seu tempo.
O resto da história é unha mistura do Equipo A cos Power Rangers e un chisquiño dos canóns de Navarone para facer un filme con algo de sabor guerreiro: acción, explosións, moitos efectos especiais, esceas de risco, os malos que son moi malos pero tamén moi parvos… a salsa da saga de Star Wars en todo o seu esplendor, se cadra coma foi concebida por George Lucas pero que nunca puido realizar exactamente por falla de cartos.
Agora, cando grazas á Disney os cartos xa non son problema, o que é problemático é atopar un argumento que vaia alén de “heroe (ou heroína neste caso) loita contra todos e vence”. Por iso o filme pode chegar ser aburrido, por suposto é previsíbel en todo momento, e só un par de ráfagas ao final fan que ún acabe cos ollos abertos coma pratos.
Por suposto referímo-nos a Darth Vader, que aparece ao final para demostrar quen é o que manda, que el non é un parvo coma os seus soldados e que se lle deixaran, podería gañar soíño esta guerra sen necesidade de ninguén ao seu redor. Os aplausos ao final do filme son sen dúbida todos para el.
Mención á parte merece o tema dos acentos. Dado que os actores son de case todo o mundo, cada persoaxe ten un acento tan distinto e curioso que ás veces os diálogos semellan unha clase para aprender a falar inglés. E a recuperación da voz orixinal de Darth Vader con James Earl Jones, á quen xa se lle notan e moito os seus 85 anos, non deixa de ser outro fito mais para enganchar aos fans ás memórias que pola idade média dos espectadores, posíbelmente nunca tiveron.
O filme, en fin, paga a pena, é desas películas que hai que ver si ou si, entretimento na súa máxima expresión, pero que non deixarán poso nos recordos do millor dunha franquía que o ano que ven cumpre 40 anos e que por méritos de seu é a que maior impacto tivo na ciéncia-ficción e mesmo na cultura popular en todos estes anos.