A princesa Leia xa é unha estrela

0
104

A princesa Leia morreu o 27 de decembro. A actriz Carrie Fisher, que interpretou á filla de Darth Vader e irmá de Luke Skywalker na saga de Star Wars, tiña 60 anos cando o pasado venres sofriu un ataque cardíaco a bordo do avión que a levaba dende Londres a Los Angeles e foi levada de emerxéncia ao hospital, onde puideron estabilizar a súa condición durante uns días, pero finalmente non puido superar o trance.

Fisher deixa atrás un legado que non só inclúe a franquía de Star Wars. Foi guionista, escritora e produtora, e entre os filmes nos que participou atópan-se The Blues Brothers, Hannah and Her Sisters, Hook, Austin Powers: International Man of Mystery, Scream 3, Charlie’s Angels: Full Throttle ou When Harry Met Sally.

A súa morte chega pouco despois de rematar o seu traballo en Star Wars: Episode VIII, actualmente en post-produción e onde repetiu o seu emblemático papel da agora xeneral Leia. Ainda que non se coñecen os detalles, cóida-se que o seu papel é moito mais salientábel nesta entrega. Polo de agora só se pode especular verbo do que acontecerá no Episódio IX, co que remata a nova triloxía.

Pero as desgrazas na família ainda estaban por rematar. Ao día seguinte, a lendária actriz Debbie Reynolds, nai de Carrie Fisher, finou aos 84 anos tamén por mor dun ataque ao corazón.

Reynolds foi unha das meirandes estrelas do Hollywwod dos anos 50 e 60, e é especialmente relembrada polo seu papel en Singin’ in the Rain, onde facía de “rapaza da porta de enfrente” combinándo-o cunha actitude espelida e independente capaz de alegrar a pantalla coa súa presenza.

Entre as súas películas están The Unsinkable Molly Brown, Heaven and Earth, The Bodyguard, In and Out, Tammy, Mr. Imperium, The Catered Affair, Two Weeks With Love, How the West Was Won ou The Rat Race. Recentemente fora nominada ao Emmy pola série Will and Grace.