Retiran a demanda por Star Trek: Axanar

0
45

Os donos dos dereitos da franquía de Star Trek, a canle CBS e mais os estudos Paramount, veñen de chegar a un acordo polo que retiran a demanda interposta contra Alec Peters por violación dos dereitos de autor no seu filme Star Trek: Axanar.

Peters solicitara cartos pola vía do micromecenazgo e contratou a profisionáis para facer unha curta en YouTube e mais un guión para unha longametraxe centrada nun acontecemento do universo Trek, a vitória dun capitán da frota estelar na guerra contra o império Klingon, á que se fai referéncia na série orixinal dos anos 60.

As novas sobre a demanda espertaran todo tipo de reaccións, incluíndo o medo, entre os fans de Star Trek, porque a CBS e mais a Paramount até daquela pecharan os ollos ante as obras realizadas polos afeccionados. Após de que o desacougo se apoderara dos fans por mor da demanda, ambas empresas crearon un documento con liñas de comportamento básico para que os fans puideran continuar facendo producións amateur.

Axanar polo tanto poderá continuar producíndo-se, pero dun xeito diferente segundo o acordo entre as partes: “Axanar e mais o señor Peters chegaron ao acordo de realizar cámbios substanciais en Axanar para resolver esta situación, e tamén aseguraron aos donos dos dereitos de autor que calquera filme amateur futuro de Star Trek producido pola Axanar ou o señor Peters axustará-se ás ‘Liñas Básicas para os Filmes de Afeccionados’ distribuidas pola CBS e mais a Paramount en xuño de 2016“.